Ezequiel 42 - Biblia SEPTHabitacións do edificio 1 Entón fíxome saír ó adro exterior polo corredor do norte, e levoume ás habitacións que están fronte ó adro e fronte ó edificio que dá ó norte: 2 A fachada era de cen cóbados de longo, coa porta cara ó norte, e a súa anchura era de cincuenta cóbados. 3 Diante do altar das libacións que está no adro interior, fronte ó lousado que está no patio exterior, había galerías, unha sobre outra, en tres pisos. 4 Diante destas habitacións había un camiño de dez cóbados de ancho, e no interior das habitacións un corredor dun cóbado, e as portas das habitacións daban ó norte. 5 As habitacións de arriba estaban acurtadas, pois as galerías collían máis edificios ca elas, máis cás habitacións de abaixo, e máis cá do medio; 6 e pola outra banda, aínda que as habitacións formaban tres pisos, non tiñan columnas coma as columnas dos outros adros; por isto, as habitacións de arriba comparadas coa planta do edificio eran máis pequenas cás de abaixo e cás do medio. 7 Había un muro polo lado de fóra das habitacións, polo adro exterior, e estaba ó lado da fachada das habitacións, e medía cincuenta cóbados de longo. 8 A lonxitude das habitacións que había no adro exterior era de cincuenta cóbados; e a das habitacións que había fronte á fachada do santuario era de cen cóbados. 9 Por debaixo destas habitacións estaba a entrada que viña do nacente, e que daba entrada a elas desde o adro exterior. 10 Todo ó ancho do muro do adro, en dirección do nacente, fronte á fachada do adro e fronte á fachada do edificio, había habitacións, 11 e mais un corredor diante delas. Tiñan o mesmo aspecto cás salas que había contra o norte; tiñan o mesmo longo ca ancho, todas as súas saídas e as súas distribucións e as súas portadas eran do mesmo xeito. 12 O mesmo cás portas das habitacións que daban ó mediodía, había unha porta no comezo do corredor; era o corredor que había na fachada do muro de protección, o corredor do nacente ó que as habitacións daban paso. 13 Entón díxome: —As habitacións do norte e mais as habitacións do mediodía que están nas fachadas do adro son as habitacións do templo, onde os sacerdotes que se chegan xunto ó Señor comen comidas santísimas. É alí onde se poñen as cousas santísimas, as ofrendas, as vítimas dos sacrificios polos pecados e mais as vítimas para sacrificios de reparación; ben certo que o lugar é santo. 14 Cando os sacerdotes entran alí non saen do santuario ó adro exterior, senón que deixan alí as vestiduras coas que oficiaron, pois son vestiduras santas. Han de vestir outras roupas para se achegaren ó lugar que lle corresponde ó pobo. Medición exterior do conxunto do templo 15 Cando acabou a medición do interior do santuario, fíxome saír pola porta que dá ó nacente, e logo mediu o templo todo arredor. 16 Mediu o lado do nacente coa cana de medir: cincocentas canas, en cana de medir. Deu a volta e 17 mediu a cara norte: cincocentas canas con cana de medir. Deu a volta 18 ó lado do mediodía, e mediu cincocentas canas con cana de medir. 19 Deu a volta para o poñente, e mediu cincocentas canas con cana de medir. 20 Mediu o templo polas catro caras: tiña un muro todo arredor de cincocentas canas de longo por cincocentas de ancho, para separar o santo do profano. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)