Ezequiel 41 - Biblia SEPTO Santuario: b) A sala santa: o "Hekal" 1 Logo fíxome ir cara ó santuario, e mediu as pilastras: seis cóbados de ancho dun lado e seis cóbados de ancho do outro; este era o seu ancho. 2 O ancho da porta era de dez cóbados e o das paredes laterais da entrada era de cinco cóbados dun lado e cinco cóbados do outro; logo mediu o longo do santuario: corenta cóbados; e o ancho, vinte cóbados. O Santuario: c) O lugar máis santo: o "Debir" 3 Despois entrou dentro, e mediu a pilastra da entrada: dous cóbados; a entrada: seis cóbados, e o ancho da entrada: sete cóbados. 4 Logo mediu o longo do santuario: vinte cóbados; e o ancho: vinte cóbados; estaba cara á fachada do santuario. Logo díxome: —Este é o lugar máis santo. 5 Logo mediu a parede do Santuario: seis cóbados, e o ancho das salas laterais: catro cóbados, todo arredor do Santuario. As salas laterais, a columnata do Santuario e o lugar sen edificar 6 As salas laterais, sala sobre sala, eran tres pisos de trinta; as mesmas salas laterais seguían todo arredor, todo ó longo do muro do templo, para serviren de apoios, e para que os apoios non estivesen no muro do templo. 7 A anchura ía aumentando nas salas laterais conforme ían subindo, pois o contorno do edificio ía aumentando por todo o arredor do edificio; por isto a anchura do templo ía crecendo, e desde a sala terrea subíase á de riba pola do medio. 8 A columnata do templo era alta todo arredor; a cana de seis cóbados chegaba cumpridamente desde os fundamentos das salas laterais ata a cima. 9 A anchura do muro das salas laterais por fóra era de cinco cóbados; e o lugar sen edificar entre os espazos de entre as columnas laterais do templo 10 e as salas, era de vinte cóbados todo arredor do templo. 11 As salas laterais tiñan entrada ó lugar sen edificar: unha entrada cara ó norte e unha entrada cara ó sur, o ancho do espazo sen edificar era de cinco cóbados todo arredor. O edificio do poñente 12 Enfronte do patio, no lado que daba cara ó poñente, había un edificio de setenta cóbados de ancho; o muro deste edificio tiña cinco cóbados de ancho todo arredor; e a longura do edificio era de noventa cóbados. Dimensións do Santuario 13 Logo mediu o santuario; cen cóbados de longo. O patio , o edificio e os seus muros, medían de longo cen cóbados. 14 A anchura da fachada do templo e do patio que daban cara ó nacente, era de cen cóbados. 15 Despois mediu o longo do edificio, pola cara que dá ó patio que estaba detrás do edificio, e as súas galerías dun lado e do outro: deu cen cóbados. Táboas de madeira recubrían por todo o arredor o interior do santuario e mais os vestíbulos que daban ó adro, 16 As entradas e as fiestras enreixadas, e as galerías por todo o arredor das tres caras de fronte á entrada; tamén recubría a madeira desde o chan ata as fiestras. As fiestras estaban tamén recubertas 17 Ata por cima da abertura; e tamén o interior do santuario, por fóra e por todo o arredor do muro; por dentro e por fóra había paneis 18 e esculturas de querubíns e palmeiras, unha palmeira entre un querubín e outro querubín. Os querubíns tiñan dúas caras: 19 unha cara de home en dirección á palmeira, dun lado; e outra cara de león en dirección á palmeira, do outro lado. As esculturas estaban sobre todo o santuario por todo o arredor. 20 Desde o chan ata o van da entrada había querubíns e palmeiras esculpidas. Tal era a parede do santuario! 21 O santuario tiña os marcos da porta cadrados e de fronte ó santuario había coma unha especie 22 de altar de madeira de tres cóbados de alto e dez cóbados de longo; tiña de madeira as súas esquinas, a súa táboa de arriba e as paredes. Entón díxome: —Esta é a mesa que está diante do Señor. 23 A sala santa tiña porta dobre; e o santuario 24 tamén tiña porta dobre. Cada porta tiña dúas follas. Un portal tiña dúas portas; e outras dúas portas tiña o outro portal. 25 Nelas, isto é, nas portas da sala santa, había esculturas de querubíns e de palmeiras, do mesmo xeito cós esculpidos sobre o muro. Tamén había un alpendre de madeira fronte á fachada do vestíbulo, polo lado de fóra. 26 Así como fiestras enreixadas e palmeiras, dun lado e do outro, sobre as paredes dos lados do vestíbulo e sobre os lados do templo e do alpendre. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)