Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 4 - Biblia SEPT


SERIE DE XESTOS SIMBÓLICOS ACERCA DA CAÍDA DE XERUSALÉN O asedio da vila, marcado nun ladrillo

1 —Oe ti, fillo de Adam, colle un ladrillo, pono diante de ti e grava nel unha cidade: Xerusalén;

2 pon contra ela un asedio, constrúe contra ela muros de asalto, levanta contra ela ramplas; pon contra ela campamentos militares, e coloca contra ela arietes todo ó arredor.

3 E ti, colle unha tixola de ferro e pona de muro entre ti e esta cidade; dirixe a túa face cara a ela; quedará en asedio, pois ti montarás asedio contra ela. Isto é un sinal para a casa de Israel.


O profeta expía a iniquidade do pobo

4 Oe ti, déitate para o teu lado esquerdo, e pon para este lado as iniquidades da casa de Israel: cantos días te deites para este lado, outros tantos soportarás as súas iniquidades.

5 Pero eu sináloche en número de días os anos das súas iniquidades: trescentos noventa días, que ti cargarás coa iniquidade da casa de Israel.

6 O acabares estes días, déitate de novo para o lado dereito, para cargares coas iniquidades da casa de Xudá durante corenta días, día por ano: márcoche o tempo, día por ano.

7 Mantén a túa cara e mais o teu brazo do lado do asedio de Xerusalén e profetizarás contra ela.

8 Velaí que che poño cordas e non poderás dar a volta dun lado para o outro, ata acabares os días de estares atado.


A comida impura e taxada do profeta, símbolo do asedio

9 Oe ti, colle para ti trigo e mais cebada, fabas e lentellas, millo e centeo mocho: pon todo nunha ola e logo con todo isto farás para ti pan, que has comer todos os días que estarás deitado de lado: trescentos noventa días.

10 E a túa comida, que ti comerás taxada, será de vinte siclos por día, comerala de día en día.

11 A auga beberala taxada: un litro e cuarto, beberala de día en día.

12 Unha bola de pan de cebada é o que ti comerás; cocerás a bola na presenza deles con excrementos humanos.

13 E dixo o Señor: —Deste mesmo xeito comerán os fillos de Israel o seu pan impuro nas nacións onde eu os dispersarei.

14 E repuxen: —Ai, meu Señor, Deus! Fíxate: a miña gorxa nunca estivo lixada, nunca comín carne morta nin res matada por unha fera desde a miña nenez ata hoxe, nin entrou na miña boca carne impura.

15 El respondeume: —Pois ben, permítoche bosta de vacas en vez de excremento humano, para faceres o teu pan sobre ela.

16 Logo díxome: —Fillo de Adam, velaí que vou suprimir o subministro de pan a Xerusalén: van comer o pan taxado e con preocupacións, e van beber a auga racionada, e con medo

17 de que lles falte o pan e mais a auga; deste xeito vivirán atemorizados uns e outros, e consumiranse por culpa da súa iniquidade.

Lean sinn:



Sanasan