Ezequiel 34 - Biblia SEPTOs pastores de Israel, o Pastor divino e o Pastor mesiánico A) Xuízo divino contra os pastores 1 Veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Fillo de Adam, profetiza contra os pastores de Israel, profetiza e dilles: Pastores, así fala o Señor Deus: —Ai dos pastores de Israel que se están apacentando a si mesmos! Non é o rabaño o que teñen que apacentar os pastores? 3 Comédeslle a manteiga, vestídesvos da súa lá; matades a res gorda, pero o rabaño non o apacentades. 4 Non fortalecestes a res débil nin curastes a enferma, nin vendastes a da pata partida; nin fixestes volver a extraviada, nin buscastes a perdida, senón que as dominastes e con que opresión! 5 Espalláronse por falta de pastor e convertéronse en pasto de todas as feras do monte, e como se descarreiraron! 6 Andaron perdidas as reses do meu rabaño por todas as montañas, por todos os altos outeiros; e por toda a superficie da terra erraron as reses do meu rabaño, por falta de quen lles seguise as pisadas e por falta de quen as buscase. 7 Por isto, pastores, escoitade a palabra do Señor: 8 —Pola miña vida! —é o meu Señor, Iavé, quen fala— por converterse o meu rabaño en presa e por ser o meu rabaño pasto de todas as feras do monte, por falta de pastor, pois os meus pastores non seguiron o rastro do meu rabaño, senón que os meus pastores se apacentaron a si mesmos, e o meu rabaño non o apacentaron; 9 por isto, pastores, escoitade a palabra do Señor: 10 Así fala o meu Señor, Iavé: —Vede, eu estou contra estes pastores: voulles reclamar a eles as reses do meu rabaño e retirarei o meu rabaño do seu poder, pois estes pastores non se volverán apacentar a si mesmos; vou salvar as miñas reses das bocas dos pastores, e non lles servirán máis de comida. 11 Pois así fala o meu Señor, Iavé: —Velaí, eu en persoa virei seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas. 12 O mesmo que mira o pastor polos años, o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado, así eu vou mirar polas miñas reses, e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios por onde se espallaron un día de nubes e escuridade. 13 Vounas sacar de entre os pobos, vounas reunir dos países, e vounas facer volver á súa terra e pastorealas nos montes de Israel, nos vales e en todos os lugares habitables do país. 14 Fareinas pastar en bos pasteiros, e nos montes do alto Israel estarán as súas praderías, acougarán alí en boas camposas e pastarán en pasteiros fértiles nos montes de Israel. 15 Eu mesmo apacentarei o meu rabaño, e eu en persoa fareino acougar —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 16 Buscarei a ovella perdida, farei volver a extraviada, vendarei a que ten a pata partida, fortalecerei á feble, pero farei que perezan a gorda e a forte. Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza. B) Xuízo divino entre as ovellas 17 Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor, Iavé: —Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella, entre carneiros e castróns. 18 Aínda vos é pouco o pastardes o pasto mellor, que, por enriba, esmagades cos vosos pés o que vos sobra dos pastos? Aínda vos é pouco beberdes a auga clara, que, por enriba, cos vosos pés alodades a que vos sobra? 19 E logo as ovellas do meu rabaño teñen que pacer do estragado polos vosos pés, e teñen que beber o alodado cos vosos pés. 20 Por iso, así lles fala o meu Señor, Iavé: —Velaí, eu mesmo en persoa vou ditar sentencia entre as reses gordas e as reses fracas. 21 Xa que empurrastes de lado no lombo, e turrastes cos vosos cornos contra todas as débiles ata que as fixestes espallar por fóra do pasteiro, 22 por isto eu vou salvar o meu rabaño, para que non volva servir de presa, e vou ditar sentencia entre ovella e ovella. 23 Vou suscitar á fronte deles un pastor único, que os apacente: será o meu servo David; el mesmo os apacentará: el en persoa será para eles o seu pastor. 24 Eu, o Señor, serei para eles o seu Deus, e o meu servo David será príncipe no medio deles —son eu o Señor, quen o dixen—. 25 Pactarei con eles unha alianza de paz, e farei desaparecer do país os animais feroces, para que poidan vivir con tranquilidade no deserto, e adormecer na foresta. 26 Entón farei deles e do que hai arredor do meu monte unha bendición, e farei baixar a chuvia no seu tempo e serán chuvias de bendición. 27 As árbores do campo darán froito e a terra dará a súa colleita; estarán na súa terriña con tranquilidade. Entón recoñecerán que eu son o Señor, cando rompa os cancís do seu xugo e os libre do poder dos que os están escravizando. 28 Nunca máis volverán servir de botín para as nacións nin as feras do país os devorarán, senón que vivirán na tranquilidade sen que ninguén lles meta medo. 29 Eu fareinos medrar nun plantío de sona e xa non volverá haber no país mortos de fame nin volverán soportar a vergonza das outras nacións. 30 Entón recoñecerán que eu, o Señor, son o seu Deus, que estou con eles, e que eles son o meu pobo, a Casa de Israel, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 31 Vós seredes o meu rabaño, o rabaño dos pastos da miña terra seredes vós. Eu serei o voso Deus é o meu Señor, Iavé, quen fala. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)