Ezequiel 32 - Biblia SEPTElexía polo Faraón, crocodilo do Nilo 1 O ano doce, no mes doce, o primeiro do mes, veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Fillo de Adam, entoa unha elexía sobre o Faraón, rei de Exipto, e dille: Parecías o leonciño das nacións, pero eras coma crocodilo nas canles do Nilo, a rebolos atoldabas a auga cos pés e enlodabas as correntes. 3 Así fala o meu Señor, Iavé: —Estenderei sobre ti a miña rede: cando se xunten as nacións populosas, sacarante na miña rede varredoira; 4 botareite contra a terra, e contra a superficie do chan esnaquizareite, farei pousar sobre ti a todas as aves de rapina do ceo, e farei que se farten de ti todos os animais carnívoros da terra. 5 Porei a túa carnaza sobre as montañas e encherei os vales da túa carne podrecida. 6 Dareille de beber á terra, verténdote a ti co teu sangue sobre as montañas, e os barrancos encheranse de ti. 7 Cando ti te apagues, cubrirei o ceo e porei de loito as súas estrelas, o sol tapareino con nubes e a lúa non alumará coa súa luz. 8 A todos os astros luminosos que hai no ceo, poreinos de loito por ti, e porei as tebras sobre a túa terra, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 9 Perturbarei o corazón dos pobos ricos, cando leve os teus despoxos a nacións, a países que non coñecedes. 10 Farei que se sintan desolados por ti os pobos ricos, e ós seus reis poránselles os pelos de punta por ti, cando eu faga voar a miña espada na súa presenza; tremerán conturbados cada un pola súa vida, o día da túa caída. 11 Pois, así fala o meu Señor, Iavé: —Chegará sobre ti a espada do rei de Babilonia, 12 farei caer a túa tropa por espadas de valentes, que en conxunto forman o máis tirano dos pobos: eles arrasarán o orgullo de Exipto e quedará devastada toda a súa tropa. 13 Farei desaparecer todos os seus animais da presenza do caudaloso río, e nin pé de home o volverá a alodar, nin casco de animal o atoldará. 14 Entón lanzarei ó Abismo as súas augas, e farei correr os seus afluentes de cor amarela, —é o meu Señor, Iavé quen fala—. 15 Cando se converta o país de Exipto nun deserto, entón quedará despoxado de todo o que o enche; cando eu fira a todos os seus habitantes, entón recoñecerán que eu son o Señor. 16 Esta será a elexía que cantarán, cantarana as cidades das nacións, cantarana por Exipto e por toda a súa tropa —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. Lamentación profética sobre a baixada do Faraón ó Abismo 17 O ano doce, o quince do mesmo mes, veume a palabra do Señor nestes termos: 18 —Fillo de Adam, entoa unha lamentación pola tropa de Exipto; fai baixar a tropa cos seus afáns de poder, e as cidades das nacións poderosas ata as profundidades da terra, xunto cos que baixan ó abismo. 19 Foi acaso Exipto máis agraciado cós máis? Pois anda vagabundo e cae xunto cos incircuncisos, 20 que caen canda os acoitelados pola espada. Entréganse espadas que dispersan a Exipto e a toda a súa tropa. 21 Un exército de valentes persegue a tropa de Exipto, persegue ata o medio do Xeol os reforzos da tropa: os incircuncisos baixarán a descansar no Abismo, acoitelados con espada. 22 Alá está Asur e todo o seu exército, arredor da tropa de Exipto, arredor das súas sepulturas, todos eles acoitelados, caídos a espada. 23 Pois a sepultura de Asur está posta no máis fondo do Abismo, e o seu exército está arredor da súa sepultura; todos eles caeron acoitelados con espada, pois puxeron terror no mundo dos vivos. 24 Alí está Elam e todas as súas tropas arredor da súa sepultura: todos eles caeron acoitelados con espada, e así baixaron incircuncisos ó profundo da terra, pois puxeron terror no mundo dos vivos; levaron a súa deshonra xunto cos que baixaban ó Abismo. 25 Entre os acoitelados puxéronlle o leito a Elam, con toda a súa tropa arredor do leito, arredor da súa sepultura. Todos eles foron incircuncisos, acoitelados con espada, pois o seu terror estendeuse polo mundo dos vivos; por isto levaron a súa deshonra xunto cos que baixaron ó Abismo, e foron colocados entre os acoitelados. 26 Alí está Méxec, Tubal e todo o seu exército arredor do leito, arredor da súa sepultura: todos eles incircuncisos, acoitelados con espada, pois estenderon o seu terror polo mundo dos vivos. 27 Pero non están deitados xunto cos heroes que caeron separados dos incircuncisos e que baixaron ó Xeol coas súas armaduras de guerra, que puxeron as súas espadas debaixo das súas cabezas e os seus escudos sobre os seus esqueletos, pois o terror dos heroes estendérase polo mundo dos vivos. 28 Pero ti iraste descompoñendo entre incircuncisos e descansarás cos acoitelados con espada. 29 Para alá van Edom, os seus reis e todos os seus príncipes, que coas súas poderosas mulleres foron sepultados xunto cos acoitelados con espada; eles mesmos descansan xunto cos incircuncisos e cos que baixan ó Abismo. 30 Para alá van os príncipes do Norte, todos eles e todos os sidonios, que, apartados das súas poderosas mulleres, polo seu propio terror baixaron ó Abismo xunto cos acoitelados, e, incircuncisos, descansaron xunto cos acoitelados a espada; e levaron a súa deshonra xunto cos que baixaron ó Abismo. 31 O ver a estes, o Faraón consolarase de toda a súa tropa, pois os mortos a espada son o Faraón e todo o seu exército —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 32 Pois eu deixei que provocase o terror no mundo dos vivos, para que o Faraón e toda a súa tropa se deitase entre incircuncisos, cos acoitelados a espada, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)