Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 30 - Biblia SEPT


O día do Señor: oráculos de castigo contra Exipto

1 Veume a palabra do Señor nestes termos:

2 Fillo de Adam, profetiza e di: así fala o Señor, Iavé: Facede esta lamentación: Ai do día aquel!

3 Chega o día, chega o día do Señor!: Será un día de nubes, será o instante das nacións!

4 Unha espada penetrará en Exipto, e o estremecemento chegará ata Etiopía, cando caian os acoitelados en Exipto; arrebataranlle os seus tesouros, e derrubaranlle os seus alicerces.

5 Etiopía, Put, Lud e toda a Arabia, Cub e xente do país aliado, caerán mortos pola espada xunto con eles.

6 Así fala o Señor: —Caerán os que sosteñen a Exipto, e derrubarase o seu orgulloso poder; desde a Torre das Caravanas todos caerán en Exipto, —é o meu Señor, Iavé, quen o di—.

7 Exipto quedará máis desolado cós países desolados, e as súas cidades quedarán máis arrasadas ca cidade ningunha.

8 E recoñecerán que eu son o Señor, cando lle poña lume a Exipto e sexan desbaratados todos os que o axudan.

9 O día aquel sairán, en barcos, mensaxeiros de onda min, para aterrorizar a tranquila Etiopía; haberá angustia entre os etíopes o día de Exipto, si, velaí chega!

10 Así fala o meu Señor, Iavé: —Eu poreille fin á riqueza de Exipto, por medio de Nabucodonosor, rei de Babilonia.

11 El e mais as súas tropas con el, as máis poderosas das nacións, serán levados para destruír o país; desenvaiñarán as súas espadas contra Exipto, e encherán o país de mortos.

12 Farei un sequeiro das canles do Nilo, e entregarei en venda o país na man dos malvados, por man de bárbaros arrasarei o país e canto o enche. Eu, o Señor, son quen falei.

13 Así fala o meu Señor, Iavé: —Eu vou destruír os seus ídolos, e facer desaparecer de Menfis os deuses importantes, e da capital de Exipto o príncipe, que nunca máis volverá haber. Impoñerei respecto sagrado no país de Exipto.

14 Destruirei o país do Sur, poñereille lume a Tanis e executarei a sentencia contra Tebas.

15 Desafogarei o meu noxo en Pelusio, praza forte de Exipto; e destruirei as riquezas de Tebas;

16 prendereille lume a Exipto, Pelusio retorcerase de dor, e a muralla de Tebas estará para fenderse, e Menfis terá o seu asedio no seu día.

17 Os escollidos de One e de Pibéset caerán a espada; e as mulleres irán á catividade.

18 En Tafnes deterase o día, cando eu rompa alí os cetros de Exipto, e se acabe nela o orgullo do seu poderío. A ela cubriraa unha nube, e as súas fillas irán á catividade.

19 Entón eu executarei sentencia contra Exipto, e recoñecerán que eu son o Señor.


O Señor dirixe os procesos históricos

20 O ano once, o sete do primeiro mes, veume a palabra do Señor nestes termos:

21 —Fillo de Adam, rompín o brazo do Faraón, rei de Exipto, e velaí que non está recomposto para poñerlle medicamentos e aplicarlle vendaxes, non está atado nin colle forza para empuñar a espada.

22 Por isto, así fala o meu Señor, Iavé: —Velaí, eu estou contra o Faraón, rei de Exipto; voulle romper os brazos, o brazo san e mais o quebrado, e vou facer caer a espada da súa man.

23 Vou espallar a Exipto entre as nacións, e a dispersalo entre os países.

24 Dareilles forza ós brazos do rei de Babilonia, e entregarei a miña espada na súa man; pero romperei os brazos do Faraón, que lanzará diante del xemidos de acoitelado.

25 Farei fortes os brazos do rei de Babilonia, mentres que os brazos do Faraón caerán; recoñecerán que eu son o Señor cando poña a miña espada na man do rei de Babilonia, para que a manexe contra o país de Exipto.

26 Dispersarei a Exipto entre as nacións, e espallareino entre os países. Entón recoñecerán que eu son o Señor.

Lean sinn:



Sanasan