Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 3 - Biblia SEPT

1 Logo díxome: Fillo de Adam, o que tes diante, cómeo: come este rolo, e vai logo falarlle á casa de Israel.

2 Entón eu abrín a miña boca e deume a comer este rolo,

3 dicíndome: Fillo de Adam, alimenta o teu ventre, enche as túas entrañas con este rolo que che dou. Comino e volvéuseme na boca doce coma o mel.

4 E díxome: Fillo de Adam, marcha á casa de Israel e fálalle coas miñas palabras,

5 pois non se te manda a un pobo de inintelixible falar e de lingua difícil; es enviado á casa de Israel,

6 non a pobos numerosos de inintelixible falar e de lingua difícil, dos que ti non comprendes o seu falar. Certo, se te mandase onda eles, eles faríanche caso;

7 pero a casa de Israel non quererá escoitarte, porque non me quere facer caso a min, pois toda a casa de Israel é dura de cabeza e obstinada de corazón.

8 Mira que eu volvo a túa cara tan dura coma a súa cara e a túa cabeza tan dura coma a súa.

9 Eu volvo a túa testa coma o diamante, que é máis duro ca un croio. Non lles teñas medo nin te amedrentes diante deles, pois son casa rebelde.

10 E díxome tamén: Fillo de Adam, todos os oráculos que eu che diga, apréndeos de memoria e escóitaos atentamente.

11 Vai onda os deportados, onda os fillos do teu pobo e así te escoiten, así te rexeiten dilles: "Así fala o Señor".


Remate da visión

12 O Espírito colleume en arroubo e escoitei detrás miña o ruído dun gran terremoto: "Bendita a gloria do Señor no seu templo!".

13 Despois, o ruído das ás dos seres viventes, ó se daren o ósculo as dun contra as do outro, e ó mesmo tempo o ruído das rodas: o ruído dun gran terremoto.

14 O Espírito colleume en arroubo, e marchei fortalecido polo ardor do meu espírito, pois a poderosa man do Señor estaba sobre min.

15 E fun onda os deportados de Tel Abib, os que vivían xunto ó río Quebar, pois era alí onde eles vivían, e quedei alí sete días, sendo un horror entre eles.


O profeta, sentinela responsable do malvado

16 E ó cabo de sete días sucedeu que me veu esta palabra do Señor:

17 Fillo de Adam, constitúote sentinela para a casa de Israel. Cando escoites unha palabra da miña boca, avísaos da miña parte.

18 Se eu lle digo ó malvado "vas morrer", e ti non o avisas isto é, non falas avisando ó malvado de que deixe o seu ruín comportamento, para que el viva, el, sendo malvado, morrerá por culpa da súa iniquidade; pero a ti pedireiche contas do seu sangue.

19 Pero se ti avisas o malvado, e el non deixa a súa ruindade nin o seu comportamento malvado, el morrerá por culpa da súa iniquidade; pero ti salvarás a túa vida.

20 Se o xusto deixa a súa xustiza, e comete iniquidades, eu poñerei diante del un tropezo e morrerá, porque ti non o avisaches; morrerá polo seu pecado e non se recordarán as obras de xustiza que fixo, pero a ti pedireiche contas do seu sangue.

21 Pero se ti avisas o xusto, para que non peque e el non peca, de certo vivirá, porque foi avisado, e ti salvarás a túa vida.


Xesto simbólico: o profeta atado e mudo

22 Estando alí, púxose sobre min a man do Señor, que me dixo: —Levántate e sae cara ó val, que che vou falar alí.

23 Entón levanteime e fun cara ó val, e velaí a Gloria do Señor, a mesma Gloria que eu vira xunto ó río Quebar; e entón caín rostro en terra.

24 Entrou en min un espírito que me puxo de pé, faloume e díxome: —Vai cerrarte dentro da túa casa.

25 Es—coita ti, fillo de Adam, velaí que che porán cordas e atarante con elas, de xeito que non poidas saír de entre elas.

26 Eu farei que se che apegue a lingua ó padal e volveraste mudo, de xeito que xa non serás para eles o home que os reprende, pois son casa rebelde.

27 Pero cando eu che fale, abrirás a túa boca e diraslles: "Así fala o Señor Deus". O que che faga caso, que cho faga; e o que te rexeite, que te rexeite, pois son casa rebelde.

Lean sinn:



Sanasan