Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 25 - Biblia SEPT


ORÁCULOS CONTRA AS NACIÓNS Contra os amonitas

1 Veume a palabra do Señor nestes termos:

2 Fillo de Adam, ponte cara ós amonitas e profetiza contra eles,

3 dilles ós fillos de Amón: Escoitade a palabra do meu Señor Iavé: —Por dicirdes contra o meu santuario: "Ei, que sexa profanado!" E contra a terra de Israel: "Que vaian á catividade!",

4 por isto velaquí que eu te entrego en herdanza ós fillos do Nacente, que asentarán en ti as súas cercas de pedra, e chantarán en ti os seus campamentos; eles comerán os teus froitos, e beberán o teu leite;

5 converterei a Rabah nun pasteiro de camelos e as construcións de Amón nun curral de ovellas. Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor.

6 Así fala o meu Señor, Iavé: —Por bateres palmas e pateares cos pés, e por te alegrares con todo o teu desprezo polas terras de Israel,

7 por isto estendo a miña man contra ti: entregareite en botín ás nacións e exterminareite de entre os pobos; fareite desaparecer de entre os países e devastareite. Deste xeito recoñecerás que eu son o Señor. Contra Moab

8 Así fala o meu Señor, Iavé: —Por dicirdes, Moab e Seir: "Velaí a Casa de Xudá, é igual ca todas as nacións",

9 por isto, fíxate: vou abrir un costado a Moab, por falar burlescamente; de entre as súas cidades quitareille a xoia do país, o Casal da Desolación, o Casal de Baal, Meón e Quiriataim:

10 entregareina ós fillos do Nacente en herdanza ante os fillos de Amón, para que nunca máis sexan lembrados os fillos de Amón entre os pobos.

11 Farei xustiza en Moab. Entón recoñecerán que eu son o Señor.


Contra Edom

12 Así fala o meu Señor, Iavé: —Por mor do comportamento de Edom ó practicar a vinganza contra a Casa de Israel, e se facer culpable da súa vinganza contra ela,

13 por isto así fala o meu Señor, Iavé: —Estendo o meu brazo contra Edom: exterminarei del homes e animais, convertereino nunha desolación, desde Temán ata Dedán caerán á espada.

14 Descargarei a miña vinganza contra Edom pola man do meu pobo Israel, que tratará a Edom conforme o meu xenio e a miña ira. Entón coñecerán a miña vinganza —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.


Contra os Filisteos

15 Así fala o meu Señor, Iavé: —Por obraren os filisteos a traizón e por se vingaren con profundo desprezo persoal dunha morte que trouxo odio secular,

16 por isto así fala o meu Señor, Iavé: —Vede que vou estender a miña man contra os filisteos, vou exterminar os quereteos, vou arruinar os que queden da beira do mar.

17 Vou facer neles unha terrible vinganza, con castigos desapiadados. Entón, cando eu me vingue deles, recoñecerán que eu son o Señor.

Lean sinn:



Sanasan