Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 22 - Biblia SEPT


O castigo de Deus, chamada á conversión

1 Veume a palabra do Señor nestes termos:

2 Oe ti, fillo de Adam, acaso non vas condenar, si, condenar, a cidade sanguinaria, e facerlle ver todas as súas abominacións?

3 Dille: así fala o meu Señor, Iavé: —A cidade que verte sangue en medio de si chegaralle de certo o seu momento: e a que se constrúe ídolos diante de si volverase de certo impura.

4 Co sangue que ti vertiches volvícheste culpable, e cos ídolos que ti fixeches volvícheste impura, e deste xeito precipitaches a túa hora, e chegaches á fin dos teus anos, por isto convértote en escarnio para os pobos, e en burla para todos os países.

5 Países veciños e países remotos burlaranse de ti, famosa pola túa impureza, grande na consternación.

6 Fíxate: os príncipes de Israel están dentro de ti para verteren sangue, cada un canto lle dá o seu brazo.

7 Dentro de ti trátase con desprezo a pai e nai, dentro de ti trátase con violencia ó emigrante, dentro de ti son oprimidos o orfo e a viúva.

8 Ti desprezas as miñas santas institucións, e profanas os meus sábados.

9 En ti hai xente que calumnia a fin de que se verta sangue; en ti cómense banquetes sacros na cima dos montes, e dentro de ti fanse cousas infames.

10 En ti hai quen destapa a nudez que pertence ó pai, en ti abusan da muller na impureza da regra.

11 En ti uns cometen abominacións coa muller do irmán, outros manchan con impureza a propia nora, e outros abusan da irmá, filla de seu pai.

12 En ti acéptanse regalos para verter sangue, ti cobras intereses de usura e enriquéceste violentamente á conta dos teus próximos; pero a min esquecéstesme, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

13 Velaí, vou bater en ti cos meus puños por todos os inxustos negocios que estás facendo, e polo sangue que se está vertendo en medio de ti.

14 Manterase firme o teu corazón? Seguirán fortes os teus brazos os días que eu proceda contra ti? Eu, o Señor, son quen o digo e quen o farei.

15 Hei de dispersarte entre as nacións, hei de esparexerte por entre os países, hei de levar ata o colmo a túa impureza por culpa túa,

16 e deste xeito ti recibirás de ti mesmo a herdanza á vista de todas as nacións. Entón recoñecerás que eu son o Señor.


Deus purificará a Xerusalén coa súa ira

17 Veume a palabra do Señor nestes termos:

18 —Fillo de Adam, a Casa de Israel resulta escoura para min; todos eles son bronce e estaño, ferro e chumbo; no medio do forno resultan escoura de prata.

19 Por iso así fala o meu Señor, Iavé: —Volvéstesvos todos escoura, por isto, vede, vouvos xuntar no medio de Xerusalén.

20 Xa xuntei a prata e o cobre, o bronce, o chumbo e o estaño: aticei neles o lume para fundilos; así vos xuntarei a vós, na miña ira e no meu noxo, si, metereivos e fundireivos.

21 Heivos xuntar, e atizar contra vós o lume do meu noxo onde vos fundiredes.

22 O mesmo que se fai a fundición de prata no medio do forno, así habédesvos de fundir no medio do meu furor, e saberedes que eu, o Señor, son quen vertín a miña ira sobre vós.


Interpretación teolóxica da caída de Xerusalén

23 Veume a palabra do Señor nestes termos:

24 —Fillo de Adam, dille a Xerusalén: Ti es terra non lavada, non tes chuvias fortes desde o día do enfado.

25 No medio dela hai unha confabulación dos seus profetas; coma un león ruxidor que esnaquiza unha presa, devoran vidas, apodéranse de riquezas e obxectos de valor, e fan aumentar na cidade o número das súas viúvas.

26 Os seus sacerdotes violan a miña lei e profanan as miñas institucións santas, non distinguen o sacro do profano, non fan notar a diferenza entre o impuro e o puro, pechan os seus ollos para os meus sábados, e deste xeito eu son profanado entre vós.

27 Os seus xefes están no medio dela coma lobos que esnaquizan a presa, vertendo sangue e acabando coa xente para se enriqueceren.

28 Os seus profetas caleáronos de branco, anunciándolles visións ilusorias, e profetizándolles mentiras, dicíndolles: "Así fala o meu Señor Iavé", cando o Señor non falara.

29 Os donos da terra practican a violencia e cometen roubos, oprimen o humilde e mais o pobre, e maltratan o emigrante coa inxustiza.

30 Eu busquei entre eles un que volva a levantar a muralla, que se manteña na brecha diante de min, por mor do país, para que eu non o destrúa, e non o atopo.

31 Por iso vertín sobre eles a miña ira, destruínos co lume do meu furor, volvín sobre a súa cabeza o castigo do seu comportamento, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan