Ezequiel 21 - Biblia SEPTCatro oráculos de castigo con lamentación simbólica sobre Xerusalén e Xudá 1 Veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Fillo de Adam, pon a túa cara mirando para o sur, e profetízalle ó mediodía, profírelle oráculos ó bosque do campo do Négueb. 3 Dille: Bosque de Négueb, escoita a palabra do Señor! Así fala o meu Señor, Iavé: —Velaquí, vouche prender lume, que devorará todas as túas árbores verdes e todas as túas árbores secas. A ardente chama non se apagará, senón que con ela se queimarán todas as terras, desde o Négueb ata o norte. 4 E todo mortal verá que son eu, o Señor, quen o prendín e non se apagará. 5 Entón eu respondín: —Ai, meu Señor Iavé! Eles están dicindo de min: "Non é el o que conta contos?" 6 Entón veume a palabra do Señor nestes termos: 7 Fillo de Adam, pon a túa cara mirando a Xerusalén, e profetiza contra o santuario, e profire oráculos contra a terra de Israel, 8 e di: terra de Israel, así fala o Señor: —Vede, estou contra ti, e saco a miña espada da súa vaíña, para exterminar de ti xustos e pecadores. 9 Porque teño que exterminar de ti xustos e pecadores, por isto sae a miña espada da súa vaíña contra todo mortal desde o Négueb, ata o norte. 10 Deste xeito recoñecerá todo mortal que eu, o Señor, saquei a miña espada da súa vaíña, e que a ela non volverá. 11 E ti, fillo de Adam, fai lamentacións dobrando a cintura, e con amarguras fai lamentacións na súa presenza. 12 Cando eles che pregunten: "Por que fas ti lamentacións?", ti has de lles responder: Por causa dunha noticia que chega sen remedio, e entón todo corazón fraqueará, todos os brazos se debilitarán, todo espírito desfalecerá, e todos os xeonllos se desfarán en auga. Velaí chega e xa se fai realidade, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 13 Tamén me veu a palabra do Señor nestes termos: 14 —Fillo de Adam, profetiza e di: Así fala o Señor: —Unha espada, unha espada afiada e para máis brunida! 15 Afiada para executar a gran matanza, brunida para que escintile. Ai! Levantan un cetro contra o meu fillo, un cetro que rexeita a todas as árbores! 16 Entregan a espada a brunir para despois a apreixaren coa man; xa está a espada afiada, xa está brunida, para a poñer na man do matador. 17 Berra e desfaite en gritos, fillo de Adam, que xa está contra o meu pobo, xa está contra todos os príncipes de Israel; os horrores da poderosa espada están co meu pobo, por isto date golpes nas nádegas. 18 Que proba! Pero que non sería aínda, se eu non rexeitase o cetro? —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 19 E ti, fillo de Adam, profetiza e bate puño con puño: —Que se duplique a espada, que se triplique: é a espada dos atravesados, a espada do gran traspaso, a que os ten acurralados; 20 para que lles desmaie o corazón e se multipliquen os caídos; contra todas as súas portas puxen a ameaza da espada, feita irmá do lóstrego, disparada para a matanza. 21 Revóltate, espada, á dereita, ponte cara á esquerda, a onde os teus dous fíos se volven. 22 Tamén eu baterei puño con puño e esgotarei a miña ira. Eu, o Señor, fun quen falei. Xesto simbólico de castigo, na marcha de Nabucodonosor contra Xerusalén 23 Veume a palabra do Señor nestes termos: 24 —Oe ti, fillo de Adam, traza ti mesmo dous vieiros para que vaia a espada do rei de Babilonia; os dous sairán da mesma metrópole. Marca un sinal no comezo do camiño da cidade, márcaa. 25 Indica un vieiro para que entre a espada en Rabah dos amonitas e en Xudá, na inaccesible Xerusalén. 26 Velaí o rei de Babilonia, que se para na encrucillada, no comezo dos dous camiños para consultar as sortes: baralla as frechas, consulta os deuses familiares, observa o fígado. 27 Xa ten na súa man dereita a sorte: A Xerusalén! A emprazar arietes, a prorromper en alaridos, a lanzar gritos de guerra, a emprazar arietes fronte ás portas, a encher ramplas, a construír torres de asalto! 28 Isto resultaralles a eles coma un vaticinar en balde ós seus propios ollos, fartos dos seus propios xuramentos de fidelidade; pero el lembrarase da inicua infidelidade para a castigar. 29 Velaí, así fala o meu Señor, Iavé: —Para que vos lembredes das vosas iniquidades ó descubrírense as vosas rebelións, ó vérense os vosos pecados en todos os vosos feitos, para que os lembredes, habedes ser apreixados con man forte. 30 Oe ti, malfeitor infame, príncipe de Israel, a quen lle chega o seu día no intre da iniquidade final, 31 Así fala o meu Señor, Iavé: —Saca o turbante, quita a coroa! As cousas xa non son como eran: o baixo é alto, e o alto é baixo; 32 Ruína, ruína! Unha ruína hei facer. Pero isto non sucederá ata que chegue aquel que ten o poder de xulgar, que eu lle darei. 33 —Oe ti, fillo de Adam, anuncia este oráculo: Así fala o meu Señor, Iavé, contra os amonitas e contra a súa violación do xuramento, dilles: —Unha espada, espada desenfundada para a matanza! Espada afiada para collela e lanzar lóstregos! Ameaza contra os amonitas. 34 Cando acerca de ti hai xa quen ten visións vas, cando acerca de ti hai quen adiviña mentiras, póñente sobre os pescozos de infames malfeitores, ós que lles chega o día, a fin, na hora da iniquidade. 35 Retira o poder do seu gume do lugar onde fuches creada, da terra da túa orixe, onde te vou xulgar: 36 Verterei en ti o meu noxo, soprarei o incendio do meu furor contra ti, e entregareite ó poder de xentes salvaxes, artífices de destrución. 37 Ti volveraste unha rima de leña para o lume, o teu sangue caerá no medio do país. Nunca máis serás lembrada, porque eu, o Señor, son quen falei. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)