Ezequiel 2 - Biblia SEPTMisión profética 1 Díxome: Fillo de Adam, ponte de pé, que che vou falar. 2 Entón, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar. 3 Díxome: Fillo de Adam, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min eles e mais os seus pais, que pecaron contra min, ata o mesmo día de hoxe. 4 Estes fillos, que duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor, Iavé". 5 Deste xeito, eles —escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde han saber de certo que hai un profeta no medio deles. 6 E ti, fillo de Adam, non teñas medo nin a eles nin ó que eles che digan. Certo que se reviraron contra ti e que te rexeitaron, pero aínda que sentes sobre alacráns, non teñas medo ó que che digan, nin te sintas acovardado ante eles, pois son casa rebelde. 7 Diraslles as miñas palabras, escóitente ou rexéitente, pois son rebeldes. Rito de consagración profética: visión 8 E ti, fillo de Adam, escoita o que eu che digo: "Non sexas rebelde coma a casa rebelde! Abre a túa boca e come o que eu che dou". 9 Entón tiven unha visión, e velaí unha man estendida cara a min, e, na man, un libro en forma de rolo. 10 Estaba escrito por unha cara e mais pola outra; estaban escritas nel elexías, prantos e mais lamentacións. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)