Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 19 - Biblia SEPT


Elexía polos reis de Xudá

1 Ti entoa unha elexía polos príncipes de Israel,

2 dilles: Que leoa foi a túa nai no medio de leóns! Tombada no medio dos leóns, criaba a súa camada.

3 Criou un dos seus cachorros, que se volveu un leonciño, aprendeu a esnaquizar a presa, devorou homes.

4 Souberon del as nacións: cazárono nas súas foxas e levárono con ganchos ó país de Exipto.

5 Ela, ó ver que a súa esperanza e a súa ilusión estaban perdidas, colleu outro dos seus cachorros e constituíno nun leonciño.

6 El daba voltas entre os leóns, feito un novato león;

7 Aprendía a esnaquizar a presa, devoraba homes; abusaba das súas viúvas e desolaba as súas vilas; o país e os seus habitantes estaban amedrentados polo ruído dos seus ruxidos.

8 Pero os países de toda a volta viñeron contra el, desde as provincias estenderon sobre el as súas redes e atrapárono nas súas foxas.

9 Metérono con ganchos na gaiola para o levaren xunto ó rei de Babilonia; levárono a Babilonia, para que non se volva a oír a súa voz nos montes de Israel.

10 Túa nai era semellante a unha vide da túa caste plantada xunto á auga: daba froito e estaba chea de ramas por mor da abundante auga.

11 Daba bacelos de tal poder que servían para cetros de reis; a súa altura sobresae por entre as nubes; é impoñente pola súa altura e pola multitude das súas ramas.

12 Foi arrincada con carraxe e foi tirada por terra, o vento do nacente secou o seu froito que se desprendeu; e secou as súas ramas poderosas e o lume consumiunas.

13 E agora está plantada no deserto, en terra reseca e sedenta.

14 Saíu lume dunha das ramas e consumiu os bacelos e os seus froitos. Xa non hai nela ramas poderosas, báculos para reinar. Esta é unha elexía, e cántase coma unha elexía.

Lean sinn:



Sanasan