Ezequiel 18 - Biblia SEPTO Deus xusto e a retribución individual 1 Veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Que vos pasa a vós, que andades repetindo este dito na terra de Israel: "Os pais comeron as uvas verdes e os fillos sofren a denteira"? 3 Pola miña vida —é o meu Señor, Iavé quen fala— xuro que vós non volveredes repetir este dito en Israel. 4 Pois, de certo, todas as vidas son miñas; o mesmo cá vida do pai, tamén a vida do fillo é miña; a persoa que peque, esa é a que morrerá. 5 Se un home é xusto, e practica o dereito e mais a xustiza: 6 non come banquetes sacros nas montañas nin levanta os seus ollos cara ós ídolos da casa de Israel; non profana a muller do seu próximo, nin se achega á muller na menstruación; 7 se o tal non explota a ninguén, devolve a fianza da súa débeda, non comete roubo, dálle o seu pan ó famento e cobre ó espido con vestidos; 8 se non presta con usura nin cobra os intereses; se aparta a súa man da iniquidade, e xulga conforme o dereito e a verdade entre home e home; 9 se camiña conforme os meus preceptos e garda os meus mandamentos, practicando a verdade e a xustiza: este certamente vivirá. —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. 10 Pero se un xera un fillo asasino, ou se o familiar comete algunha destas cousas 11 Aínda que el non faga ningunha: tal coma comer banquetes sacros nas montañas e profanar a muller do seu próximo; 12 explotar o desgraciado e o pobre, roubar e non volver o peñor da fianza, erguer os seus ollos cara ós ídolos e cometer abominacións; 13 prestar con usura, cobrar intereses, acaso vivirá? —Non vivirá: cometeu todas estas abominacións e morrerá sen remedio; o sangue dos seus crimes volverase contra el. 14 Pero, velaí, un ten un fillo que ve os pecados que fai seu pai, veos pero non se comporta conforme a eles; 15 non come banquetes sagrados nas montañas, non ergue os seus ollos cara ós ídolos da casa de Israel; non profana a muller do seu próximo; 16 non explota, nin retén o peñor da fianza; non rouba, dálle o seu pan ó famento e veste ó espido; 17 Aparta a súa man de provocar aflicións, non cobra intereses nin usura; cumpre os meus mandamentos e camiña polos meus preceptos: este non morrerá polos pecados de seu pai, ben certo que vivirá. 18 O seu pai, xa que oprimiu e roubou ó irmán e xa que non fixo no medio do seu pobo o que está ben, morrerá de certo pola súa iniquidade. 19 Pero vós dicides: "por que non carga o fillo coa iniquidade do pai?" —Porque se o fillo observou o dereito e a xustiza, e se gardou todos os meus preceptos e se os puxo en práctica, vivirá certamente. 20 O que peque será quen morrerá; o fillo non cargará coa iniquidade do pai, o pai non cargará coa iniquidade do fillo; sobre o xusto reverterá a súa xustiza, sobre o malvado reverterá a súa ruindade. 21 Se o malvado se converte de todos os pecados que cometeu, e garda todos os meus preceptos e practica o dereito e a xustiza, vivirá de certo, non morrerá; 22 Todas as maldades que cometeu non se lle terán en conta: por mor da xustiza que practicou, vivirá. 23 É acaso verdade que sinto eu pracer coa morte do malvado, —é o meu Señor, Iavé, quen fala— e non en que se converta do seu camiño e que viva? 24 Cando o xusto se aparta da xustiza e comete a maldade, e se comporta e vive segundo todas as abominacións que comete o malvado, todas as obras boas que fixo non se terán en conta: polas infidelidades que cometeu e polos pecados que fixo, por eles morrerá. 25 E vós respondedes: "Non é xusto o proceder do Señor". Escoitade, Casa de Israel: —Non é xusto o meu xeito de comportarme? Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto? 26 Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza e comete iniquidades e morre debido a elas, morre debido ás iniquidades que el cometeu. 27 Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu e practica o dereito e a xustiza, entón el consegue a vida. 28 Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu, vivirá de certo, non morrerá. 29 E responde a Casa de Israel: "Non é xusto o xeito de se comportar o Señor". —Non é xusto o meu comportamento, Casa de Israel? Non é mais ben o voso comportamento o que é inxusto? 30 Por isto, xulgareivos a cada un de vós conforme o propio comportamento, Casa de Israel, —é o meu Señor, Iavé, quen fala—. Convertédevos e apartádevos das vosas ruindades, e non teredes o tropezo para caer na iniquidade. 31 Quitade de diante de vós as vosas maldades coas que pecastes, e facédevos un corazón novo e un espírito novo. Por que queredes morrer, Casa de Israel? 32 Non sinto eu pracer pola morte do que morre —é o meu Señor, Iavé quen fala— Convertédevos e viviredes! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)