Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 17 - Biblia SEPT


Alegoría de xuizo de castigo e de salvación

1 Veume a palabra do Señor nestes termos:

2 Fillo de Adam propón un enigma, imaxina unha parábola para a casa de Israel,

3 dille: así fala o meu Señor, Iavé: A aguia grande, de grandes ás, de longa envergadura, de espesa plumaxe, de cor pintada, voou ata o Líbano; e colleu a copa do cedro,

4 esgazou a punta do seu gromo, levouna a unha cidade de traficantes, e púxoa nunha cidade de arrieiros.

5 Logo colleu parte da semente da cidade e sementouna en terra de labradío, á beira de augas abundantes, xunto a un remanso.

6 Prendeu e converteuse nunha cepa opulenta, de baixa altura, dirixía as súas ramas cara ó cedro, e as súas raíces puxéronse debaixo del, e converteuse nunha cepa. Botou vides e sacou abrochos, e agromou cos bacelos.

7 Logo apareceu unha aguia grande, de grandes ás e de moita plumaxe; e, velaí, a cepa estendeu avidamente as súas raíces cara á aguia e dirixiu cara a ela as súas ramas, para beber dela máis ca no bacelo do seu plantío,

8 Aínda que estaba plantada nun terreo chuvioso, xunto a augas abundantes, para botar vides e para dar froito, para ser unha cepa excelente.

9 Dille: así fala o meu Señor, Iavé: —Seguirá adiante? Non a arrincará de raíz a aguia e non lle esgazará o froito e secará? Todos os xermolos da súa medra secarán, pois ela con brazo forte e cun pobo numeroso é forte abondo para a levantar de raíz.

10 Olládea, a plantada cepa, seguirá adiante? Acaso non secará cando a azoute o vento soán? Acaso non secará no bacelo onde foi plantada?

11 Veume a palabra do Señor nestes termos:

12 Dille á casa rebelde: Non sabedes o que quere dicir isto? Dille: vede, o rei de Babilonia veu a Xerusalén, colleu o seu rei e mais os seus príncipes, e levounos a xunto del a Babilonia.

13 Colleu un de estirpe real e fixo con el un pacto comprometéndoo con xuramento; levou os nobres do país,

14 para que fose un rei humilde e deste xeito non se levantase, para que gardase a súa alianza e que esta fose estable.

15 Pero rebelouse contra el, mandando mensaxeiros a Exipto, para que lle desen cabalos e moitos soldados. Terá éxito? Librarase o que fixo tales cousas? Quebrantou o pacto, e librarase?

16 Xuro pola miña vida, —é o meu Señor, Iavé, quen fala— que no país do rei que o fixo reinar a el, o do xuramento que el desprezou e o do pacto que el quebrantou, nese país, el morrerá, no medio de Babilonia.

17 Pero o Faraón non se fará ver na guerra cun grande exército e cunha numerosa multitude, cando se levanten terrapléns e se constrúan muros de asedio para segar moitas vidas.

18 Desprezou o xuramento, quebrantando o pacto. Pois xa que deu a súa man, pero fixo todas estas cousas: non se librará.

19 Por iso, así fala o meu Señor, Iavé: —Xuro pola miña vida que o xuramento que desprezou, e o pacto que quebrantou, llos volverei de certo sobre a súa cabeza.

20 Botarei sobre el a miña rede, e cazareino na miña trampa; conducireino a Babilonia para preitear con el no xuízo da deslealdade que contra min cometeu.

21 A todos os fuxitivos dos seus exércitos decapitaranos, e os fuxitivos dispersaranse ós catro ventos: así saberedes que eu, o Señor, fun quen falou.

22 Así fala o meu Señor, Iavé: —Eu collerei das ramas do cedro a máis alta e fixareina; dos gallos máis novos arrincarei un xermolo, e plantareino nun monte alto e elevado,

23 no monte elevado de Israel plantareino; botará gromos e dará froitos e volverase un cedro magnífico; aniñarán debaixo del todos os paxariños, todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.

24 Entón todas as árbores do monte caerán na conta de que eu, o Señor, derreo a árbore ergueita e levanto a árbore derreada; seco a árbore verde e fago florecer a árbore seca. Eu, o Señor, díxeno e fareino.

Lean sinn:



Sanasan