Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 16 - Biblia SEPT


Alegoría dos amores culpables de Xerusalén

1 Veume a palabra do Señor nestes termos:

2 Fillo de Adam, faille saber a Xerusalén as súas abominacións,

3 dille: así fala o meu Señor, Iavé: Xerusalén! As túas orixes e mais os teus devanceiros proveñen do país dos cananeos: teu pai é o amorreo e túa nai é hitita.

4 Tales son os teus devanceiros: O día que naciches, non che ataron o cordón do embigo, non te lavaron con auga por pura compaixón, nin te lavaron con auga salgada, nin te enfaixaron.

5 Ninguén se apiadou de ti facéndoche algunha destas cousas, por compaixón de ti, senón que dabas noxo, e fuches botada ó campo o día que naciches.

6 Pero pasei eu onda ti, e olleite no teu propio sangue, e a ti, que estabas no teu propio sangue, repetinche: "Vive

7 e medra, vólvete coma as herbas do campo". E ti medraches e fixécheste moza, chegaches á ledicia do teu crecemento: os dous peitos afirmáronseche e naceuche o teu pelo, pero estabas espida e en coiros.

8 Volvín pasar onda ti e fixeime en ti: Velaí, a túa idade era a idade do namoro; estendín o meu manto sobre ti e cubrín a túa nudez; comprometinme contigo con xuramento, e entrei en alianza contigo —é o meu Señor, Iavé, quen fala— e fuches miña.

9 Logo laveite con auga, limpeiche o sangue de enriba de ti e unxinte con aceite.

10 Despois púxenche roupas bordadas, calceite con pel de coiro fino, púxenche un cinto de liño ben curado, e cubrinte cun mantón de seda.

11 Engalaneite de xoias: puxen pulseiras nos teus brazos e colares no teu pescozo.

12 Puxen un anel no teu nariz, pendentes nas túas orellas e unha coroa preciosa na túa cabeza.

13 Engalanábaste con ouro e prata, os teus vestidos eran de liño ben curado, seda e bordados; comías a flor da fariña, mel e aceite; estabas moi fermosa e conseguiches ser raíña.

14 O teu nome correu entre as nacións por mor da túa beleza, co esplendor que eu puxera en ti, tan perfecta era a túa beleza! —é o meu Señor, Iavé, quen fala—.

15 Fiácheste da túa beleza e afincada no teu renome, décheste á prostitución. Ofreciches a cantos pasaban os teus engados de prostituta —é ben certo que así segue sendo—.

16 Colliches os teus vestidos e fixeches con eles prostíbulos de cores, para fornicar fóra sobre os vestidos; e deste xeito segue sendo.

17 Colliches as túas preciosas xoias, feitas co ouro e a prata que eu che regalara, e facías para ti imaxes de homes para prostituírte con elas.

18 Collías os teus vestidos bordados para as cubrires, e ante elas ofrecías o meu aceite e mais o meu incenso.

19 A comida que eu che daba —a flor da fariña, o aceite e mais o mel con que eu te alimentaba— ofrecíchela ante elas coma perfume agradable: así segue sendo, é o meu Señor, Iavé, quen fala.

20 Collías os teus fillos e fillas, os fillos que ti me deras, e ofrecíalos en sacrificio ás imaxes para que os comesen. Acaso isto é menos grave cá túa prostitución?

21 Degolabas os meus fillos, e facíalos pasar polo lume en honra delas.

22 Ante as túas abominacións e prostitucións non te lembrabas dos días da túa mocidade, cando estabas espida e en coiros, a rebolos no teu propio sangue.

23 E velaí, ademais de toda a túa ruindade, Ai, ai de ti! —é o meu Señor, Iavé, quen o di—

24 construías os teus altares, e facías os teus enganos en todas as prazas.

25 Por todos os camiños máis importantes construías os teus enganos; emporcallabas a túa fermosura; ofrecendo o teu corpo a todo aquel que pasa, multiplicando así as túas prostitucións.

26 Décheste á prostitución cos exipcios, os teus veciños, de robusta natureza; e tanto multiplicaches as túas prostitucións, que me anoxaches a min.

27 E así eu estendín a miña man contra ti, e cortei as túas pretensións; entregueite ás apetencias das túas inimigas, as fillas dos filisteos, que estaban avergonzadas do teu comportamento infame.

28 Fornicaches cos fillos de Asur sen te fartares, e volviches fornicar con eles e tampouco te fartaches.

29 Multiplicácher as túas fornicacións con Caldea, no país de Canaán, e nin con isto te fartaches.

30 Que ardoroso estaba o teu furor sexual —é o Señor, Iavé, quen fala— cando facías todas estas cousas, feitos de esposa prostituta e dominante!

31 Cando construías os teus altares nos camiños máis importantes, e facías os teus enganos en todas as prazas, non eras coma as outras prostitutas. Ti burlábaste da paga!

32 Er a muller adúltera, que en vez de ó seu esposo, acolle a alleos!

33 A todas as prostitutas lles dan regalos, pero ti dábaslles o teu regalo de voda ós teus amantes, e agasallábalos para que viñesen a ti de todo o arredor por mor das túas prostitucións.

34 Pasaba contigo, nas túas prostitucións, o contrario das outras mulleres: detrás de ti non ía ninguén, ti dabas o teu regalo, pero regalo a ti non che daban, e deste xeito ti andabas ó revés.

35 Por iso, ti, prostituta, escoita a palabra do Señor:

36 Así fala o meu Señor, Iavé: —Xa que a lisura da túa pel se murchou, e a túa nudez se descubriu nas fornicacións cos teus amantes e con todos os teus abominables ídolos, polo sangue dos teus fillos, que ti lles ofreciches;

37 por isto vou eu reunir a todos os que odias, a todos os teus amantes, os que ti compraciches, a todos os que lles querías ben: vounos reunir na túa presenza de todo o contorno e vou descubrir a túa nudez diante deles, para que miren toda a túa nudez.

38 Xulgareite coa sentencia das adúlteras e das que verten sangue e lamentaraste baixo o meu furor e os meus celos.

39 Poñereite nas súas mans, para que destrúan os teus prostíbulos e rompan os teus enganos, para que che quiten os vestidos collan as túas preciosas alfaias, e te deixen espida e en coiros.

40 Farán subir a xente contra ti, para que te acantacen con pedras e te esnaquicen coas súas espadas.

41 Queimarán as túas casas con lume e cumprirán contigo a sentencia á vista de moitas mulleres; farei que deixes de ser unha prostituta, e non volverás facer regalos.

42 Aplacarei a miña ira contra ti, os meus celos apartaranse de ti e quedarei tranquilo para non volver irarme.

43 Por non te dares acordado dos días da túa mocidade, e mostrar o teu enfado contra min con todas estas cousas, tamén eu farei recaer o teu comportamento sobre a túa cabeza, —é o meu Señor, Iavé, quen fala— e realizarei de certo o meu plan, á vista de todas as túas abominacións.

44 E todos os que fan refráns, din este acerca de ti: "De tal nai, tal filla".

45 Es ben filla de túa nai, que renega do seu home e mais dos seus fillos; es ben irmá das túas irmás que renegaron dos seus homes e mais dos seus fillos. A vosa nai era hitita e o voso pai amorreo.

46 A túa irmá maior é Samaría e mais as súas fillas, vive á túa dereita; e a túa irmá máis nova, a que vive á túa esquerda, é Sodoma e mais as súas fillas.

47 Non imitaches moderadamente o seu comportamento nin só cometiches as súas abominacións, senón que con todo o teu comportamento pecaches máis ca elas.

48 Xuro pola miña vida —é o meu Señor, Iavé, quen fala— que Sodoma, a túa irmá, e mais as súas fillas, non se comportaron como vos comportastes ti e mais as túas.

49 Velaquí o delito de Sodoma: soberbia, fartura de pan e tranquilidade imperturbable tiñan ela e mais as súas fillas, pero non sostiveron o poder do desgraciado e do pobre.

50 Ensoberbecéronse e cometeron abominacións na miña presenza, e entón eu refugueinas tan pronto como as vin.

51 E Samaría non cometeu nin a metade dos teus pecados; ti multiplicaches as túas abominacións máis ca ela, de xeito que coas abominacións que ti cometiches fixeches parecer xustas as túas irmás.

52 Pois ti soporta logo a túa vergonza, xa que cos teus pecados fas de mediadora en favor das túas irmás. Xa que te fixeches máis abominable ca elas, son elas máis xustas ca ti. Avergónzate, pois, e soporta a túa vergonza, xa que fas parecer xustas as túas irmás.

53 Trocarei a súa catividade: a catividade de Sodoma e das súas fillas, e mais a catividade de Samaría e das súas fillas. Catividade será a túa en comparanza coa delas,

54 para que soportes a túa ignominia e te avergonces de todo canto fixeches, servíndolles así de consolación a elas.

55 As túas irmás, Sodoma e mais as súas fillas, volverán ó seu estado anterior, e Samaría e mais as súas fillas volverán ó seu estado de antes; pero tamén ti e mais as túas fillas volveredes ó voso estado de antes.

56 Sodoma, a túa irmá, serviu de burla na túa boca o día do teu orgullo,

57 Antes de que se descubrise a túa ruindade. Certo, está chegando a vergonza das fillas de Aram e todas as súas veciñas, e as fillas dos filisteos, vanse burlar de ti por todo o arredor.

58 Soporta, pois, a túa depravación e mais as túas abominacións é o Señor quen fala.

59 Pois, así fala o meu Señor, Iavé: Comportareime contigo tal coma ti fixeches comigo, pois desprezaches o xuramento e rompiches a alianza.

60 Pero eu lembrareime da miña alianza, do sinal que che dei desde os días da túa mocidade, e manterei contigo unha alianza eterna.

61 E ti lembraraste do teu comportamento e avergonzaraste, cando ti acollas as túas irmás, a máis vella e a máis nova, pois dareichas a ti por fillas, e farei firme a túa alianza.

62 Porque eu manterei a miña alianza contigo, e ti recoñecerás que eu son o Señor,

63 para que te acordes e te avergonces e nunca máis teñas que abrir a boca con vergonza, cando eu che perdoe todo o que fixeches —é o Señor quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan