Ezequiel 13 - Biblia SEPTOráculos reelaborados contra os falsos profetas de Xerusalén 1 Veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Fillo de Adam, profetiza contra os profetas de Israel, profetiza e dilles ós que profetizan desde o seu propio corazón: escoitade a palabra do Señor: 3 Así fala o Señor Iavé: Ai dos profetas que profetizan e seguen o seu propio espírito, pero sen veren! 4 Coma as raposas entre as ruínas son os teus profetas, Israel. 5 Non subistes ás brechas, non erguestes un muro ante a Casa de Israel, para que resistise firme na guerra, o día do Señor. 6 Viron cousas ilusorias, e adiviñaron mentiras os que dicían "oráculo do Señor", cando El non os mandou, aínda que agardaban que lles confirmase a palabra. 7 Acaso non vistes vós visións ilusorias, e acaso non dixestes adiviñanzas mentireiras, cando diciades "oráculo do Señor", pero eu non falara? 8 Por iso, así fala o Señor Iavé: —Por falardes en van e terdes visións mentireiras, por isto estou eu contra vós, —é o Señor, Iavé quen fala—: 9 A miña man estará contra os profetas que profetizan visións ilusorias e adiviñanzas mentireiras; eles non formarán parte da asemblea do meu pobo, nin serán inscritos no censo da Casa de Israel, nin entrarán na terra de Israel. Así recoñeceredes que eu son o Señor, Iavé. 10 Polo feito de que eles extravían o meu pobo, dicíndolle: "Haberá paz", cando non a haberá, e cando o meu pobo constrúe un muro, eles danlle o recebo; 11 por isto dilles ós que fan o recebo: Caerá de certo, haberá unha tormenta arrasadora, farei que caian bolas de pedrazo e que irrompa un vento de furacán. 12 E velaí: caerá o muro. Non se vos preguntará entón: "Onde está o recebo que vós destes?". 13 Por isto, así fala o Señor Iavé: —Desencadearei un vento de furacán coa miña ira, coa miña ira haberá unha tormenta arrasadora, e co meu noxo haberá pedrazo para a destrución. 14 Eu tirarei o muro ó que vós lle destes recebo, e fareino vir á terra; os seus alicerces quedarán ó descuberto; caerá, e vós pereceredes debaixo del. Entón recoñeceredes que eu son o Señor. 15 Eu levarei ó extremo a miña ira contra o muro, e contra os que lle deron o recebo, e logo direivos: "Xa non hai nin muro nin os que lle deron o recebo. 16 Os profetas de Israel profetizan sobre Xerusalén, e ven acerca dela visións de paz, pero non hai paz", —é o Señor, Iavé, quen fala—. Oráculos de xuízo contra as falsas profetisas 17 Oe, fillo de Adam, encárate coas fillas do teu pobo, que profetizan o que lles sae do seu corazón, e profetiza contra elas. 18 Dilles: así fala o Señor Iavé: —Ai das que cosedes lazos en todos os pulsos e facedes carapuchos para as cabezas de calquera medida para cazar a vida! Declarades cazada a vida do meu pobo, mentres mantedes viva a vosa propia vida. 19 Profanádesme a min diante do meu pobo por un puñado de cebada, por un bocado de pan, sentenciando á morte a vida que non debía morrer, e mantendo viva a vida que non tiña dereito a vivir, embelecando o meu pobo que escoita os vosos embustes. 20 Por iso, así fala o meu Señor Iavé: —Velaí que eu estou contra os vosos carapuchos, cos que vós cazades as vidas coma paxaros; arrincareinos dos vosos brazos, e deste xeito deixarei libres as vidas que vós cazades, a vida dos paxaros. 21 Racharei os vosos carapuchos e librarei das vosas mans o meu pobo, que non volverá a ser presa das vosas mans. Deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor. 22 Por aflixirdes o corazón do xusto con mentiras, sen que eu o aflixa; e por apreixardes forte as mans do impío, para que non se retire do seu mal comportamento e deste xeito poida vivir; 23 por isto, non volveredes ter máis visións ilusorias, non volveredes adiviñar máis adiviñanzas mentireiras; librarei o meu pobo das vosas mans. Entón recoñeceredes que eu son o Señor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)