Ezequiel 12 - Biblia SEPTXesto simbólico da deportación para o príncipe e para os dirixentes 1 Veume a palabra do Señor nestes termos: 2 Fillo de Adam, ti estás vivindo no medio da Casa Rebelde: teñen ollos para ver, e non ven; teñen oídos para escoitar, e non escoitan, pois son Casa Rebelde. 3 Oe ti, fillo de Adam, prepara o teu fardelo de desterrado, e marcha ó desterro en pleno día, ante os seus propios ollos; marcha do teu lugar a outro lugar á vista deles, a ver se o ven, pois son Casa Rebelde. 4 Colle o teu fardelo, fardelo de deportado, en pleno día á vista deles; e sairás polo serán e á vista deles, como os que saen para o desterro. 5 A vista deles fura o muro e saca por el o fardelo. 6 A vista deles bótao ás costas, sácao de noite, cubre a túa cara para non ver o país, fíxate: fago de ti un sinal para a casa de Israel. 7 Eu fixen tal como se me mandara: collín en pleno día o meu fardelo coma fardelo de desterrado, furei polo serán no muro coa man, saquei o fardelo na escuridade e cargueino ó lombo á vista deles. 8 A mañá seguinte veume a palabra do Señor nestes termos: 9 Fillo de Adam, acaso non che preguntou a Casa de Israel, a Casa Rebelde, que era o que estabas a facer? 10 Dilles: así fala o meu Señor, Iavé: Este oráculo é para o príncipe que hai en Xerusalén e para toda a Casa de Israel que está no medio dela. 11 Dilles: Eu fun un sinal para vós: o mesmo que eu fixen, así se lles fará a eles: Irán deportados ó desterro. 12 O príncipe que vive entre eles cargará ó lombo o seu fardelo na escuridade e sairá polo muro que furaron para poderen saír por el, tapará a súa cara para non ver cos seus ollos o país. 13 Eu estenderei a miña rede sobre el, e será cazado na miña trampa; levareino a Babilonia, país dos caldeos, pero el non a verá, aínda que morrerá alí. 14 E a todos os que están ó seu arredor, ós seus axudantes e ás súas tropas esparexereinos ós catro ventos, e desenfundarei a espada tras eles. 15 E recoñecerán que eu son o Señor, cando os esparexa por entre os pobos e os disperse polos países. 16 Pero deixarei de entre eles un resto, uns poucos homes escapados da espada, da fame e da peste, para que conten as súas abominacións nos pobos a onde vaian. Entón recoñecerán que eu son o Señor. Xesto simbólico contra Xerusalén 17 Veume a palabra do Señor nestes termos: 18 Fillo de Adam, come o teu pan con estremecemento, bebe a túa auga con tremor e receo. 19 Haslle dicir á xente do país: —Así fala o Señor Iavé acerca dos habitantes de Xerusalén, dos que viven na terra de Israel: Comerán o seu pan con receo e beberán a súa auga con medo, pois a súa terra estará feita unha desolación chea da violencia de todos os que habitan nela; 20 As cidades que agora están habitadas, estarán devastadas, e o país será unha desolación. Entón recoñecerán que eu son o Señor. Dinamismo e eficacia das visións e palabras de Iavé contra os ditos populares 21 Veume a palabra do Señor nestes termos: 22 Fillo de Adam, que significa para vós este dito na terra de Israel, cando dicides: "Os días alónganse, e perde forza a visión?" 23 Pois ben, dilles: así fala o Señor Iavé: Eu acabo con este dito que non se volverá a usar máis en Israel. Máis ben, dilles ti estoutro: "Están cerca os días do cumprimento de toda visión profética". 24 Certo, non volverá a haber visións vas nin adiviñanzas mentireiras na Casa de Israel. 25 Pois eu, Iavé, falarei o que teña que falar, unhas palabras que se cumprirán e non se volverán a demorar; si, nos vosos días, Casa Rebelde, falarei unha palabra e cumprireina é o Señor Iavé quen fala. 26 Veume a palabra do Señor nestes termos: 27 Fillo de Adam, velaí a Casa de Israel que anda a dicir: "As visións deste van para longo, este profetiza para tempos remotos". 28 Pois ben, dilles: así fala o Señor, Iavé: Ningunha das miñas palabras se demorará, pois eu digo unha palabra e cúmprese é o Señor Iavé quen fala. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)