Ezequiel 11 - Biblia SEPTAnuncio de castigo contra as falsas seguridades dos dirixentes de Xudá 1 O Espírito arrebatoume e levoume á porta oriental do templo do Señor, que dá ó nacente, e vin á entrada da porta vintecinco homes; no medio deles vin a Iezanías, fillo de Azur e mais a Pelatías, fillo de Benaías, xefes do exército. 2 Entón o Señor díxome: Fillo de Adam, estes son os homes que están a maquinar iniquidades e a dar malos consellos nesta cidade. 3 Están a dicir: "Certo, antes de que se aproxime o tempo de construír casas, a cidade será a pota e nós seremos a tallada". 4 Por isto, profetiza contra eles, profetiza, fillo de Adam. 5 Entón caeu sobre min o Espírito do Señor e díxome: Dilles: así fala o Señor: Deste xeito falades vós, Casa de Israel; o que se vos sobe á cabeza seino ben eu. 6 Multiplicastes os vosos caídos nesta cidade e enchestes as rúas de vítimas. 7 Por isto, así fala o Señor, Deus: as vosas vítimas, as que vós puxestes no medio da cidade, elas son a tallada e a cidade é a pota; pero a vós fágovos saír da cidade. 8 Tédeslle medo á espada, pero a espada traereina contra vós é o Señor Iavé, quen fala. 9 Heivos facer saír do medio da cidade, heivos entregar no poder de estranxeiros e hei facer convosco xustiza. 10 A espada caeredes, sobre o territorio de Israel heivos xulgar, e deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor. 11 A cidade non vos servirá de pota nin vós serviredes de tallada no medio dela: heivos xulgar sobre o territorio de Israel. 12 E deste xeito recoñeceredes que eu son o Señor, do que non seguistes os preceptos senón que obrastes segundo os costumes dos pobos que están ó voso arredor. 13 Mentres eu profetizaba, Pelatías, fillo de Benaías, morreu. Entón eu caín rostro en terra e gritei con forte berro: Ai, meu Señor, Iavé! Vas ti exterminar o resto de Israel? O verdadeiro resto de Israel 14 Entón veume a palabra do Señor nestes termos: 15 Fillo de Adam, os teus irmáns, os teus propios irmáns, os homes da túa familia e toda a Casa de Israel desapareceron, pois os habitantes de Xerusalén dinlles a eles: "Quedádevos lonxe do Señor; é a nós a quen se nos deu esta terra en herdanza". 16 Por iso dilles: así fala o Señor, Iavé: —Certo que os fixen apartar entre os pobos, certo que os esparexín polos países; pero por un pouquiño eu fun para eles un santuario nos países a onde foron. 17 Por isto, así fala o Señor Iavé: —Heivos reunir de entre os pobos, heivos xuntar de entre os países a onde fostes esparexidos, e heivos dar a terra de Israel. 18 Entrarán nela e retirarán dela todos os seus ídolos e todas as súas abominacións. 19 Heilles dar un só corazón e infundirei en vós un espírito novo: arrincarei da súa carne o corazón de pedra e dareilles un corazón de carne, 20 para que se comporten conforme os meus preceptos, garden os meus mandamentos e os cumpran; eles serán o meu pobo e eu serei o seu Deus. 21 Pero se o seu corazón se apega á crenza dos ídolos e das súas abominacións, eu farei recaer o seu comportamento sobre as súas cabezas, é o Señor, Iavé, quen fala. A gloria do Señor abandona o templo e vai a Caldea sobre o profeta 22 Entón os querubíns levantaron as súas ás, estando as rodas xunto a eles; a gloria do Deus de Israel sobresaía sobre eles. 23 A gloria do Señor levantouse do medio da cidade e detívose sobre o monte que está ó nacente da cidade. 24 Logo o Espírito arrebatoume e, en éxtase baixo o efecto do Espírito do Señor, levoume a Caldea onda os desterrados, e a visión que eu vira subiu por enriba de min. 25 Eu conteilles ós desterrados todas as cousas que o Señor me concedera ver. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)