Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 10 - Biblia SEPT


A gloria de Iavé deixa o templo e vaise cos deportados

1 Entón tiven unha visión: enriba da plataforma que estaba sobre a cabeza dos querubíns había coma unha pedra de zafiro, cun aspecto parecido ó dun trono, que se vía por enriba deles.

2 E faloulle ó home vestido de liño nestes termos: Entra no sitio que hai entre as rodas, no sitio que hai debaixo dos querubíns e enche os teus puños de brasas ardentes, das que hai entre os querubíns, e logo esparéxeas pola cidade. El entrou á miña vista.

3 Cando el, o home, entrou, os querubíns detivéronse á dereita do templo e a nube encheu o adro interior.

4 Entón a gloria do Señor levantouse de enriba dos querubíns, camiño da soleira do templo; o templo encheuse da nube e o adro estaba cheo do resplandor da gloria do Señor.

5 Entón o ruído das ás dos querubíns oíuse ata o adro exterior: era coma a voz de Deus todopoderoso, cando fala.

6 Cando El lle deu ordes ó home vestido de liño, dicíndolle: "Colle lume de entre as rodas, de entre os querubíns", el foi e púxose ó lado dunha das rodas;

7 un dos querubíns alongou o seu brazo por entre os querubíns cara ó lume que había no medio dos querubíns; levantouno e púxoo nos puños do que estaba vestido coa roupa de liño, que o colleu e saíu.

8 Os querubíns aparecíalles debaixo das ás unha especie de man de home.

9 Ollei, e vin catro rodas ó lado dos querubíns. O aspecto das rodas era coma o brillo do crisólito.

10 Este era o aspecto delas: a mesma forma era a das catro, pois unha roda estaba encaixada no medio da outra;

11 ó camiñaren, camiñaban cara ós catro lados; non se volvían ó camiñaren, pois camiñaban cara ó lugar a onde se dirixía a cabeceira, sen se volveren ó camiñar.

12 Todo o seu corpo e as súas costas, as súas mans e as súas ás e mais as rodas estaban cheas de resplandores ó arredor, nas catro caras das súas rodas.

13 A oídas miñas, eles ás rodas chamábanlles "A Roda".

14 Cada un tiña catro caras; as primeiras caras eran caras de querubín, as segundas eran caras de home, as terceiras eran caras de león, e as cuartas de aguia,

15 pois os querubíns podíanse levantar. Estes eran os catro animais que eu vira xunto ó río Quebar.

16 O camiñaren os querubíns, camiñaban as rodas ó seu lado, e nin sequera ó levantaren os querubíns as súas ás para se alzaren de sobre o chan, non se apartaban as rodas do seu lado.

17 O parárense eles, tamén elas se detiñan, e ó levantárense eles, levantábanse tamén elas, porque o espírito dos viventes estaba nelas.

18 A gloria do Señor saíu de enriba da soleira do templo, e púxose sobre os querubíns.

19 Os querubíns ergueron as súas ás e levantáronse do chan, diante dos meus ollos, eles e mais as rodas xunto con eles; logo pararon á entrada da porta do templo do Señor; a gloria do Deus de Israel sobresaía por enriba deles.

20 Estes eran os viventes que eu vira por debaixo do Deus de Israel, xunto ó río Quebar, e deime conta de que eran querubíns.

21 Os catro tiñan catro caras cada un, e cada un catro ás, e forma de mans de home debaixo das súas ás.

22 A forma das súas caras era a mesma có aspecto e sinal das que eu vira xunto ó río Quebar. Cada un camiñaba de fronte.

Lean sinn:



Sanasan