Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Ezequiel 1 - Biblia SEPT


Relato da vocación profética. Data e circunstancias

1 Desde os trinta anos, no día quinto do mes cuarto, cando eu me atopaba entre os deportados onda o río Quebar, véuseme abrindo o ceo e veño tendo visións de Deus.

2 O día cinco deste mes era o ano cinco da deportación do rei Ioaquín.

3 Veulle a palabra do Señor a Ezequiel, fillo de Buzí, o sacerdote, no país dos caldeos xunto ó río Quebar, e foi alí onde a man do Señor pousou sobre el.


Visión da teofanía vocacional

4 Tiven unha visión, e velaí que un vento de tormenta viña desde o norte, unha nube enorme, un lostregueo continuado, un resplandor arredor da nube, e do medio da nube baixaba coma un gran resplandor de ouro branco.

5 Tamén baixaba a figura de catro seres viventes. O seu aspecto era este: tiñan semellanza de homes;

6 cada un deles tiña catro caras e catro ás;

7 As súas pernas eran rectas, e a planta dos seus pés era coma o casco do pé dun becerro e brillaban coma o resplandor do bronce brunido.

8 De debaixo das súas ás botaban vermello de sangue para os catro lados, e as súas caras e as súas ás miraban para os catro lados.

9 As súas ás xuntábanse cada unha coa súa compañeira. Non se volvían ó camiñaren: cada un marchaba de fronte.

10 A forma das súas ás era a de caras de home e de caras de leóns, á dereita dos catro; de caras de touros, vistas desde a esquerda dos catro; e de caras de aguias, os catro.

11 Tales eran as súas caras! As súas ás estaban estendidas cara arriba: cada un deles tiña dúas ás que se xuntaban e dúas que lle cubrían o corpo.

12 Cada un marchaba de fronte, cara onde o Espírito o movía a camiñar, e camiñaba; non se volvía ó camiñar.

13 Velaí a forma dos seres viventes: o aspecto deles era coma o de carbóns ardendo en labarada; coma unha luminaria que se movía; a visión relucía por mor da labarada, e da labarada saían lóstregos.

14 Os seres viventes corrían para un lado e volvíanse para o outro coma lóstregos.

15 Ollei para os viventes e velaí unha roda no chan a carón dos viventes, ós catro lados.

16 O aspecto das rodas e a súa feitura era coma o resplandor dunha perla de crisólito, e a mesma forma era a das catro. O aspecto e a feitura delas era coma se unha roda estivese encaixada na outra.

17 O camiñaren nas catro direccións camiñaban de fronte, non se volvían ó camiñaren.

18 Velaí as súas lamias: eran sublimes e impresionantes! Pois as catro lamias estaban cheas de resplandor por todo arredor.

19 O se moveren os seres viventes, movíanse tamén as rodas xunto con eles; ó se levantaren os seres viventes da terra, levantábanse tamén as rodas sobre o sitio.

20 O Nome era o Espírito do camiñar; camiñaban cara ó mesmo sitio, o Espírito do camiñar e mais as rodas, que se levantaban a un tempo, pois o Espírito de cada vivente estaba nas rodas.

21 O camiñaren, camiñaban a un tempo; ó pararen, paraban a un tempo; e ó levantárense da terra, levantábanse a un tempo, pois o Espírito de cada vivente estaba nas rodas.

22 Sobre as cabezas de cada un dos viventes había algo parecido a unha plataforma, coma o resplandor dun cristal abraiante, estendida por riba das súas cabezas.

23 Por debaixo da plataforma estaban as súas ás estendidas, unha cara á outra; cun par tapaban a cara e co outro tapaban os seus corpos.

24 Es—coitei o ruído das súas ás, fragor de augas caudalosas!, ruído do Todopoderoso! O camiñaren, ruído dunha multitude! Barullo dun exército! O pararen deixaban quedas as súas ás.

25 Do alto da plataforma que estaba sobre as súas cabezas veu un estrondo. O pararen, deixaron quedas as súas ás.

26 No alto da plataforma que estaba sobre as súas cabezas, velaí a visión dunha pedra de zafiro da forma dun trono e sobre esta especie de trono sobresaía cara arriba unha figura co aspecto dun home.

27 Desde o que parecía a súa cintura para arriba, vin coma o resplandor do ouro branco, coma unha especie de lume que lle servía de marco arredor; e desde o que parecía a súa cintura para abaixo, vin coma unha especie de lume e resplandor ó seu arredor.

28 Coma o aspecto do arco que hai nas nubes un día de chuvia, así era o aspecto e resplandor que había ó arredor. Era o aspecto da forma da gloria de Iavé. O ollala, caín rostro en terra e oín unha voz que falaba.

Lean sinn:



Sanasan