Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 8 - Biblia SEPT

1 O Señor mandou a Moisés que lle dixese a Aharón: —"Tende a túa man coa vara sobre os ríos, os canais e as pozas, e que a terra de Exipto quede cuberta de ras".

2 Aharón tendeu a man sobre as augas de Exipto, e xurdiron tantas ras, que cubrían a terra.

3 Pero os magos fixeron iso mesmo cos seus encantamentos: fixeron saír ras ata cubrir a terra.

4 O faraón mandou chamar a Moisés e Aharón, para dicirlles: —"Rogade a Iavé que arrede as ras de min e do meu pobo, e deixarei saír o voso pobo, para que ofreza sacrificios a Iavé".

5 Moisés preguntoulle: —"Fai o favor e dime cando hei rogar por ti, polos teus ministros e o teu pobo, para que as ras se arreden de ti e do teu pazo, dos teus ministros e do pobo, e se reduzan ó Nilo".

6 El respondeu: —"Mañá". Díxolle Moisés: —"Será como ti dis, para que saibas que non hai outro coma Iavé, o noso Deus.

7 As ras arredaranse de onda ti, do teu pazo, de onda os teus ministros e o teu pobo, e reduciranse ó Nilo".

8 Moisés e Aharón saíron do pazo real. Moisés rogou a Iavé pola cousa das ras que mandara contra o faraón.

9 O Señor fixo que fose como Moisés lle pedía. E morreron as ras das casas, dos cercados e dos campos.

10 Axuntábanas en moreas, e todo o país fedía.

11 En vendo o faraón que podía folguexar, endureceu o corazón e non lles fixo caso, conforme lles dixera o Señor.


A praga dos mosquitos

12 O Señor mandou a Moisés que dixese a Aharón: —"Tende a vara e bate o po do chan, para que se troque en mosquitos por toda a terra de Exipto".

13 E fixérono así. Aharón tendeu a man, bateu coa vara na terra, e esta trocouse en moscas, que picaban homes e gando. O po todo do chan converteuse en mosquitos en todo o Exipto.

14 Os magos quixeron facer a mesma cousa, sacar mosquitos cos seus encantamentos, pero non o conseguiron. Os mosquitos picaban nos homes e no gando.

15 Os magos dixéronlle entón ó faraón: —"O dedo de Deus anda aquí". Pero o corazón do faraón endureceu e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.


A praga dos tabáns

16 O Señor díxolle a Moisés: —"Mañá érguete cedo, preséntate ó faraón cando sae cara ó río, e dille que Iavé ordena isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto.

17 Se non o deixas saír, botarei tabáns enriba de ti, dos teus ministros, do teu pobo, da túa xente. Encheranse deles as casas e a mesma terra onde pisan.

18 Ese día farei unha excepción coa terra de Goxén, onde está o meu pobo. Non haberá tabáns nela, para que saibas que estou nesta terra eu, Iavé.

19 Distinguirei entre o meu pobo e o teu. Mañá verás este sinal".

20 O Señor cumpriuno así. Entraron enxames de tabáns no pazo do faraón e nas casas dos seus servos. Toda a terra de Exipto estaba infestada de tabáns.

21 O faraón fixo chamar a Moisés a Aharón, para dicirlles: —"Ide, ofrecede sacrificios ó voso Deus nesta terra".

22 Moisés respondeulle: —"Iso non pode ser, pois o que nós ofrecemos en sacrificio a Iavé, o noso Deus, é abominable para os exipcios. Se sacrificamos o que para eles é abominable, non nos acantazarían?

23 Faremos tres días de camiño no deserto e ofreceremos alí os sacrificios, conforme Deus nos mandou".

24 Dixo o faraón: —"Deixareivos saír e ofreceredes os sacrificios no deserto a Iavé, o voso Deus, coa condición de que non vos alonguedes. E rezade por min".

25 Respondeu Moisés: —"En canto saia de onda ti, rogarei a Iavé e, nese intre, arredaranse os tabáns do faraón, da súa corte, do seu pobo. Pero que o faraón non volva enganarnos, non deixando saír o pobo, para que ofreza sacrificios a Iavé".

26 Moisés saíu de onda o faraón, e púxose a orar cara ó Señor.

27 O Señor fixo que fose como Moisés lle pedía. Os tabáns arredáronse de onda o faraón, da súa corte, do seu pobo, sen quedar sequera un.

28 Pero o faraón endureceuse tamén por esta vez, e non deixou saír o pobo.

Lean sinn:



Sanasan