Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 7 - Biblia SEPT


Aviso das pragas

1 O Señor díxolle a Moisés: —"Voute pór no lugar de Deus para o faraón, e teu irmán Aharón será o teu profeta.

2 Ti dirás todo o que eu che mando, e teu irmán Aharón diralle ó faraón que deixe saír os israelitas da súa terra.

3 Eu endurecerei o corazón do faraón, e farei moitos sinais e moitos milagres en Exipto.

4 O non darvos creto o faraón, eu porei sobre Exipto a miña man e sacarei as multitudes do pobo de Israel daquela terra con fortes escarmentos.

5 Os exipcios aprenderán que eu son Iavé, cando alongue a miña man contra o Exipto e saque de alí os israelitas".

6 Moisés e Aharón fixeron exactamente o que lles mandaba o Señor.

7 Moisés tiña oitenta anos e Aharón oitenta e tres, cando falaron co faraón.


A vara vólvese cobra

8 O Señor díxolles a Moisés e a Aharón:

9 —"Cando o faraón vos diga: Facédeme algún milagre, ti mandarás a Aharón: Colle a vara e bótaa diante do faraón. E converterase en serpe".

10 Moisés e Aharón entraron onda o faraón e fixeron o que o Señor lles tiña ordenado. Aharón botou a vara diante do faraón, e converteuse en serpe.

11 O faraón mandou chamar ós seus sabios e feiticeiros, e os magos exipcios fixeron iso mesmo cos seus encantamentos.

12 Cada un botou polo chan a súa vara e convertéronse en cobras. Pero a vara de Aharón enguliu as dos magos.

13 O faraón teimou na súa e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.


A auga convértese en sangue

14 O Señor díxolle a Moisés: —"O faraón ponse duro e non deixa saír o pobo.

15 Vai onda el mañá cedo, cando sae para o río. Agárdao á beira do Nilo e leva na man a vara que se trocou en serpe.

16 Diraslle así: Iavé, o Deus dos hebreos, mandoume dicirche isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto no deserto. Ata agora non fixeches caso aínda.

17 Iavé di: Nisto poderás recoñecer que eu son Iavé. Coa vara que levo na man baterei na auga do Nilo e trocarase en sangue.

18 Os peixes morrerán, as augas federán e os exipcios terán noxo de beber auga do río".

19 O Señor mandou a Moisés que lle dixese a Aharón: —"Colle a túa vara e alonga a man sobre as augas de Exipto: os ríos, os canais, as lagoas e depósitos, e que se troquen todos en sangue. Haberá sangue en todo o Exipto, mesmamente nos recipientes de madeira e de pedra".

20 Moisés e Aharón fixeron o que o Señor lles mandara. Aharón ergueu a vara, bateu nas augas do río, á vista do faraón e dos seus servidores, e as augas do río trocáronse en sangue.

21 Os peixes morreron, as augas fedían e os exipcios non podían beber auga do Nilo. Por todo o país de Exipto había sangue.

22 Pero os magos de Exipto fixeron tamén iso cos seus encantamentos. O faraón endureceuse e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.

23 Voltou para o seu pazo e non pensou máis naquilo.

24 Os exipcios cavaban pozos nas ribeiras do río, buscando auga que beber, pois a auga do río non servía.


A praga das ras

25 Pasados sete días desde que o Señor batera o Nilo,

26 díxolle o Señor a Moisés: "Vai onda o faraón e comunícalle que isto di Iavé: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto.

27 Se non o deixas saír, infestarei de ras todo o país.

28 O Nilo ferverá con elas, subirán ó teu pazo, á cámara do teu leito, enriba da túa cama, ás casas dos teus ministros e de todo o teu pobo, ós teus fornos e artesas.

29 Ti, os teus servidores e todo o teu pobo quedaredes cubertos de ras".

Lean sinn:



Sanasan