Éxodo 5 - Biblia SEPTPrimeiro encontro co faraón 1 Moisés e Aharón presentáronse ó faraón para lle dicir: —"Isto di Iavé, o Deus de Israel: Deixa saír o meu pobo, para que celebre a miña festa no deserto". 2 Respondeulles o faraón: —"E quen é Iavé, para que eu o obedeza e deixe saír a Israel? Non coñezo a Iavé, e non deixarei saír a Israel". 3 Eles dixeron: —"O Deus dos hebreos chámanos. Déixanos facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos un sacrificio a Iavé o noso Deus, e que non nos fira coa peste ou coa espada". 4 O rei de Exipto respondeulles: —"Moisés e Aharón, por que molestades o pobo no traballo? Ide cumprir co voso labor". 5 E engadiu: —"Eles son un pobo xa numeroso no país, e agora queredes que deixen o traballo". Os traballos forzados dos hebreos 6 Aquel día ordenoulles o faraón ós capataces e ós gardas: 7 —"Non sigades dándolle palla a esa xente que prepara os adobes, como faciades ata agora. Que a busquen eles mesmos. 8 Pero esixirédeslles a mesma cantidade de adobes que facían ata hoxe, sen rebaixarlles nada, pois son uns lacazáns. Por iso berran, dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio ó noso Deus. 9 Póndelle a esa xente un traballo máis duro. Que se entreteñan con el e que non lles dean creto a contos mentireiros". 10 Foron os capataces e os gardas e faláronlle ó pobo: —"Isto di o faraón: Non seguirei provéndovos de palla. 11 Ide vós mesmos buscala onde queira que a haxa. Pero a vosa tarefa non ha minguar en nada". 12 A xente espallouse por toda a bisbarra, á pescuda de restrollo para a palla dos adobes. 13 Os capataces apremábanos, dicíndolles: —"Acabade a xeira do día, como cando tiñades palla". 14 Os capataces do faraón batían nos inspectores israelitas que eles mesmos puxeran á cabeza da xente, e dicíanlles: —"Por que non completades agora a cantidade asignada, coma nos días pasados?" 15 Os inspectores israelitas fóronse queixar ó faraón: —"Por que tratas os teus servos deste xeito? 16 Sen nos daren a palla, esíxennos que fagamos os adobes. Os teus servos levan os paus, cando a culpa é do teu pobo". 17 O faraón respondeulles: —"Lacazáns é o que vós sodes, lacazáns. Por iso andades dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio a Iavé. 18 Ide traballar agora mesmo. Non se vos dará a palla; pero vós entregaredes os adobes que vos tocan". 19 Os inspectores israelitas víronse nun apuro, cando lles dixeron: —"Non minguará en nada a cantidade de adobes asignada". 20 E, ó que saíron de ver o faraón, foron falar con Moisés e Aharón, que os estaban agardando. 21 Dixéronlles: —"Que o Señor olle o voso feito e que xulgue. Fixéstesnos aborrecer polo faraón e polos seus servidores, e puxésteslles na man a espada para que nos maten". 22 Moisés volveuse cara ó Señor e rogou: "Señor, por que aflixes a este pobo? Para que me mandaches? 23 Desde que entrei onda o faraón para falarlle no teu nome, el trata peor ó teu pobo, e ti non fas nada por libralo". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)