Éxodo 40 - Biblia SEPTOrde de instalar e de consagrar o santuario 1 O Señor díxolle a Moisés: 2 —"O día un do mes primeiro montarás o tabernáculo da Tenda do Encontro. 3 Dentro del porás a arca da alianza, que taparás co veo. 4 Meterás tamén a mesa e disporás o que hai que pór enriba dela. Colocarás o candelabro e acenderás as súas lámpadas. 5 Porás o altar de ouro do incenso diante da arca da alianza e colgarás a cortina da entrada do tabernáculo. 6 Na entrada do tabernáculo da Tenda do Encontro porás o altar dos holocaustos. 7 Entre a Tenda do Encontro e o altar colocarás a pía e botarás a auga nela. 8 Porás ó redor do adro as cortinas e a cortina da entrada do adro. 9 Collerás logo o óleo da unción e unxirás o tabernáculo con todo o que hai nel; consagraralo cos seus accesorios, e quedará consagrado. 10 Unxirás tamén o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios; consagraralo e será sacrosanto. 11 Unxirás e consagrarás tamén a pía coa súa base. 12 Despois farás que se aproximen Aharón e seus fillos á entrada da Tenda do Encontro e que alí se laven. 13 Vestiraslle as vestiduras sacras a Aharón, unxiralo e consagraralo para o meu servizo. 14 Logo mandarás que veñan seus fillos e vestiraslles as súas túnicas. 15 Unxiralos, como fixeras con seu pai, para o meu sacerdocio, e a unción conferiralles un sacerdocio perpetuo polas xeracións". Cumprimento da orde 16 Moisés fixo todo como lle mandara o Señor. 17 O día un do mes primeiro do ano segundo levantouse o santuario. 18 Moisés fíxoo montar desta maneira: puxo as bases, colocou as táboas, meteu os traveseiros, levantou as columnas, 19 despregou a Tenda encol do tabernáculo, púxolle por riba a cuberta, como o Señor mandara a Moisés. 20 Despois colleu Moisés as táboas da alianza e meteunas na arca. Púxolle á arca os varais e colocou o propiciatorio encol dela. 21 Meteu a arca no tabernáculo e puxo o veo que tapaba a arca da alianza, conforme o Señor ordenara a Moisés. 22 Logo meteu a mesa na Tenda do Encontro, ó norte do tabernáculo e por fóra do veo. 23 Dispuxo enriba dela os pans presentados ó Señor, como o Señor lle mandara a Moisés. 24 Colocou o candelabro na Tenda do Encontro, polo lado sur, enfronte da mesa. 25 Acendeu as lámpadas diante do Señor, como o Señor lle mandara a Moisés. 26 Puxo tamén na Tenda do Encontro, por diante do veo, o altar de ouro 27 e queimou nel incenso recendente, como o Señor mandara a Moisés. 28 A entrada do tabernáculo colocou a cortina. 29 A entrada da Tenda do Encontro puxo o altar dos holocaustos e enriba del ofreceu holocaustos e ofrendas, como o Señor lle mandara a Moisés. 30 Entre a Tenda do Encontro e o altar puxo a pía e botou nela auga para as ablucións. 31 Alí lavaban as mans e os pés Moisés, Aharón e seus fillos, 32 cando entraban na Tenda do Encontro e cando se aproximaban ó altar, como o Señor mandara a Moisés. 33 Montou tamén o adro ó redor do tabernáculo e do altar e pendurou a cortina da entrada do adro. E así rematou Moisés a obra toda. A gloria do Señor no tabernáculo 34 Entón a nube cubriu a Tenda do Encontro e a gloria do Señor encheu o tabernáculo. 35 Moisés non podía entrar na Tenda, por pousarse a nube enriba dela e porque a gloria do Señor enchía o tabernáculo. 36 Nas xeiras do camiño que deberon facer os israelitas, cando a nube se erguía de enriba do tabernáculo, eles púñanse en marcha. 37 Pero se a nube non se erguía, eles non se movían ata vela moverse. 38 En todas as súas xeiras os israelitas puideron observar como a nube do Señor pousaba polo día encol do tabernáculo e como pola noite se convertía en lume. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)