Éxodo 38 - Biblia SEPTO altar dos holocaustos 1 Fixo tamén o altar dos holocaustos de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto. 2 Nos catro ángulos fíxolle saíntes coma cornos e revestiunos de bronce. 3 Fixo logo os trebellos do altar, todos de bronce: caldeiros, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros. 4 O altar fíxolle, de bronce, un enreixado da forma dunha rede, e púxollo por debaixo do reborde, desde a media altura ata o chan. 5 Para os catro ángulos do enreixado de bronce fundiu catro argolas, para meter por elas os varais. 6 Logo fixo os varais de madeira de acacia e recubriunos de bronce. 7 Meteunos polas argolas dos dous lados do altar, para transportalo con elas. O altar fíxoo oco e de táboas. A pía de bronce 8 Fixo a pía de bronce, coa base tamén de bronce, cos espellos das mulleres que servían á entrada da Tenda do Encontro. O adro 9 Despois fixo o adro. Púxolle polo lado sur cortinas de liño fino torcido, dun longo de cen cóbados. 10 As súas vinte columnas cos seus vinte baseamentos eran de bronce; os ganchos das columnas e as argolas eran de prata. 11 Polo lado norte púxolle cen cóbados de cortinas; as súas vinte columnas cos seus vinte baseamentos eran de bronce; os ganchos das columnas e as argolas eran de prata. 12 Polo lado do ocaso o adro levaba cincuenta cóbados de cortinas, con dez columnas e dez baseamentos e con ganchos e argolas de prata. 13 Na parte dianteira, de cara ó nacente, levantou cincuenta cóbados de cortina. 14 Nun lado da porta ían quince cóbados de cortina, con tres columnas e tres baseamentos. 15 Do lado oposto, a mesma cousa. 16 As cortinas arredor do adro eran todas de liño fino torcido. 17 Os baseamentos das columnas eran de bronce, os ganchos e as argolas de prata, e revestidos tamén de prata os capiteis. As columnas do adro levaban todas aneis de prata. 18 A cortina da entrada do adro era bordada, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido; tiña vinte cóbados de longo por cinco de alto, correspondía coa altura das cortinas do adro. 19 As catro columnas das que colgaba a cortina, coas súas basas, eran de bronce, os ganchos de prata, os capiteis e as molduras recubertas tamén de prata. 20 As estacas arredor do tabernáculo e do adro eran todas de bronce. Os gastos das obras 21 Estas son as contas da construción do tabernáculo da alianza, segundo as fixeron os levitas, por orde de Moisés, baixo a dirección de Itamar, fillo do sacerdote Aharón. 22 Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, fixo todo o que o Señor lle mandara a Moisés. 23 Axudoulle Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan, artesán, escultor e bordador de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino. 24 A suma do ouro empregado na construción do santuario, todo levado en ofrenda, foi de vinte e nove talentos, con setecentos trinta siclos, segundo o siclo do templo. 25 A prata dos rexistrados no censo da comunidade sumaba cen talentos, con mil setecentos setenta e cinco siclos, segundo o siclo do templo. 26 Correspondía a cada un dos censados, de vinte anos para arriba, a cantidade de medio siclo, segundo o siclo do templo. O total de homes era de seiscentos tres mil cincocentos cincuenta. 27 Os cen talentos de prata empregáronse en fundir os cen baseamentos do santuario e do veo, a talento por baseamento. 28 Cos mil setecentos setenta e cinco siclos fixéronse os ganchos para as columnas, dotáronse as molduras e revestíronse os capiteis. 29 O bronce ofrecido foi de setenta talentos, con dous mil catrocentos siclos. 30 Con el fixéronse os baseamentos da entrada da Tenda do Encontro, o altar de bronce coa súa reixa e os obxectos todos do altar, 31 os baseamentos arredor do adro e as da súa porta, e todas as estacas do tabernáculo e do adro. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)