Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 37 - Biblia SEPT


A arca

1 Besalel construíu a arca de madeira de acacia, de dous cóbados e medio de longo, un e medio de ancho e un e medio de alto.

2 Revestiuna de ouro puro por dentro e por fóra, e ó arredor púxolle unha cinta de ouro.

3 Fundiu catro argolas de ouro para os seus catro ángulos, dúas para un flanco e dúas para o outro.

4 Fixo varais de madeira de acacia e revestiunos de ouro.

5 Meteu os varais nas argolas, polos dous flancos da arca, para podela transportar.

6 Fixo despois o propiciatorio, de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho.

7 Cicelou dous querubíns de ouro e púxoos nos dous extremos do propiciatorio,

8 un en cada extremo, formando co propiciatorio un mesmo corpo.

9 Os querubíns despregaban as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; miraban cara ó centro deste, un enfronte do outro.


A mesa dos pans sagrados

10 Fixo tamén unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longo, un de ancho e un e medio de alto.

11 Revestiuna de ouro puro e púxolle ó redor unha cinta de ouro.

12 O redor fíxolle un reborde dun palmo e púxolle tamén unha cinta de ouro.

13 Fundiu catro argolas de ouro e púxollas nos catro ángulos, unha por cada pé.

14 As argolas quedaban agarradas no reborde. Por elas meteu os varais para transportar a mesa.

15 Os varais fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro.

16 Fixo tamén de ouro puro os instrumentos da mesa: pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións.


O candelabro

17 Fixo despois un candelabro de ouro puro. Traballouno a martelo, coa súa base e co seu fuste. Facían unha peza con el as súas copas, cálices e corolas.

18 Dos seus lados saían seis brazos, tres dun lado e tres doutro.

19 Cada brazo tiña tres copas, coma flores de améndoa, co seu cáliz e a súa corola; eran iguais os seis brazos que saían do candelabro.

20 No fuste do candelabro había catro copas, coma flores de améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola.

21 Debaixo de cada parella de brazos que saían do candelabro levaba un cáliz; era a mesma cousa cos seus brazos.

22 Os cálices e mais as corolas facían unha mesma peza e estaban cicelados en ouro puro.

23 Fixo tamén sete lámpadas, coas súas pinzas e cos seus cinseiros, todo de ouro puro.

24 Cun talento de ouro puro fixo o candelabro e todos os seus utensilios.


O altar do incenso

25 Fixo despois o altar do incenso de madeira de acacia. Era cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto; dos seus ángulos saían cornos.

26 Revestiuno de ouro puro por enriba, polos lados e nos cornos; púxolle ó redor unha cinta de ouro.

27 Nos dous lados, por baixo da cinta, púxolle dúas argolas de ouro, para meter nelas os varais e podelo transportar.

28 Os varais fíxoos de madeira de acacia e revestiunos de ouro.

29 Despois preparou o óleo da unción santa e o incenso puro de aromas, coma o que fan os perfumistas.

Lean sinn:



Sanasan