Éxodo 35 - Biblia SEPTO sábado 1 Moisés reuniu a asemblea, para dicir ós israelitas: —"Estas son as ordes do Señor: 2 Seis días traballaredes, pero o sétimo será día santo, sábado de repouso, dedicado ó Señor. O que traballe nese día será reo de morte. 3 No sábado non acenderedes lume en ningunha das vosas casas". Doazóns para o santuario 4 Moisés comunicoulle á asemblea dos israelitas: —"Estas son as ordes do Señor: 5 Separade dos vosos bens unha ofrenda para o Señor. Cada un traerá xenerosamente en ofrenda para o Señor ouro, prata ou bronce; 6 púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño ou pelo de cabra; 7 peles de carneiro curtidas, peles de teixugo ou madeira de acacia; 8 Aceite para o candelabro, aromas para o óleo de unción e para o incenso; 9 pedras de ónix ou pedras de engaste para o efod e para o peitoral. As obras que hai que facer 10 Cantos de entre vós teñan habilidade, que veñan para facer o que ordenou o Señor: 11 o tabernáculo coa súa Tenda, e coa súa cuberta, os broches, as táboas, os varais, 12 as columnas e os baseamentos; A arca cos seus varais, o propiciatorio e o veo que o tapa; 13 A mesa cos seus varais e cos seus accesorios, e os pans presentados; 14 o candelabro para alumar, cos seus trebellos, coas lámpadas e co aceite do alumado; 15 o altar do incenso cos seus traveseiros, o óleo de unción, o incenso recendente, o veo da entrada do tabernáculo; 16 o altar dos holocaustos, coa súa reixa de bronce, cos seus varais e con todos os seus trebellos, e a pía coa súa base; 17 As cortinas do adro, coas súas columnas e os seus baseamentos, e o veo da entrada do adro; 18 As estacas do tabernáculo e do adro, coas súas cordas; 19 As vestiduras tecidas para o servizo do santuario e as vestiduras sacras de oficiar do sacerdote Aharón e as dos seus fillos". As doazóns 20 A comunidade dos israelitas retirouse de onda Moisés, 21 e todos os que con espírito xeneroso así o decidiron trouxéronlle ó Señor a súa ofrenda para as obras da Tenda do Encontro, para o culto e para as súas sagradas vestiduras. 22 Chegaban homes e mulleres, todos os que eran xenerosos, e traían broches, colares, aneis, torques e outros moitos obxectos de ouro; cada un facía a súa ofrenda de ouro ó Señor. 23 Os que tiñan púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño, pelo de cabra, peles curtidas de carneiro ou peles de teixugo, traían diso que tiñan. 24 Os que preferían ofrecer prata ou bronce, facían diso a súa ofrenda ó Señor. Os que tiñan madeira de acacia, traían a madeira para as variadas obras do culto. 25 As mulleres expertas na arte de fiar, viñan cos seus fiados de púrpura violácea, escarlata e carmesí, ou de liño fino. 26 As que tiñan habilidade para isto e a vontade de facelo, traían pelos de cabra. 27 Os xefes ofrecían pedras de ónix e pedras de engaste, para o efod e para o peitoral; 28 e, por parte, os aromas, o aceite para alumar, o óleo da unción, o incenso recendente. 29 Todo home e muller de espírito xeneroso para poñer a súa parte na obra que o Señor ordenara facer por medio de Moisés, traía a súa ofrenda ó Señor. Os artífices das obras 30 Moisés díxolles ós israelitas: —"Vedes que o Señor escolleu a Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, 31 e que o encheu do espírito de Deus, de sabedoría, de intelixencia e de habilidade para toda sorte de labores: 32 para concibir proxectos, para labrar o ouro, a prata e o bronce, 33 para tallar pedras e engastalas, para tallar madeira e acabar calquera obra de arte. 34 Deulle tamén capacidade para dirixir, a el e a Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan. 35 Deus deulles moita habilidade para levaren a termo calquera sorte de traballo de arte, recamado de púrpura violácea, escarlata e carmesí, para proxectar e para realizar calquera obra". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)