Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 33 - Biblia SEPT


O anxo de Deus co pobo

1 O Señor díxolle a Moisés: —"Anda, ti e o pobo que trouxeches de Exipto e sube de aquí cara á terra, da que eu xurei a Abraham, a Isaac e a Xacob: Daréillela ós vosos descendentes.

2 Eu mandarei diante o meu anxo, desbotarei da terra ós cananeos, ós amorreos, ós hititas, ós perizitas, ós hivitas e ós iebuseos,

3 e vós entraredes nesa terra que zumega leite e mel. Eu non irei entre vós, cun pobo que ten a cerviz dura, non sexa que vos destrúa no camiño".

4 Cando o pobo escoitou estas tan duras palabras, fixo loito, e ninguén puxo as súas galas.

5 O Señor díxolle a Moisés: —"Dilles ós israelitas: Sodes un pobo de cerviz dura. Se por un momento subise entre vós, acabaría convosco. Agora tirade de enriba os atavíos que levades, e verei que fago convosco".

6 Os israelitas desprendéronse das galas que levaban, desde o monte Horeb.


A Tenda do Encontro

7 Moisés levantou a Tenda e plantouna lonxe, fóra do campamento; e chamouna Tenda do Encontro. O que quería visitar o Señor, saía do campamento e ía fóra del, á Tenda do Encontro.

8 Cando Moisés saía cara á Tenda, a xente agardaba de pé, á entrada das súas tendas, ollando como Moisés entraba na Tenda do Encontro.

9 Cando Moisés entraba na Tenda, baixaba a columna de nube e pousábase na entrada, mentres Deus se comunicaba a Moisés.

10 O pobo todo podía ver a columna de nube pousarse na entrada da Tenda, e todos se erguían e se prostraban, cada un á porta da súa tenda.

11 O Señor falaba con Moisés cara a cara, coma un home co seu amigo. Despois Moisés volvía para o campamento; pero o seu servidor Xosué, fillo de Nun, non se ía da Tenda.


Moisés pide a Deus que os acompañe

12 Moisés díxolle ó Señor: —"Ti mándasme conducir este pobo, pero non me indicaches aínda a quen mandas comigo, por máis que me teñas dito: Coñézote polo nome e concédoche o meu favor.

13 Agora, pois, se merezo o teu favor, ensíname o teu camiño, para que eu te coñeza e faga por merecer o teu favor. Mira por esta xente que é o teu pobo".

14 O Señor respondeulle: —"Irei eu mesmo contigo e dareiche o repouso".

15 Moisés insistiu: —"Se non vés ti mesmo connosco, non nos fagas rubir de aquí,

16 pois como poderiamos saber, eu e mais este teu pobo, que contamos co teu favor, se non no feito de que veñas ti connosco? Entón avantaxariamos, eu e mais este teu pobo, a todos os pobos que hai sobre a terra".

17 O Señor respondeulle a Moisés: —"Concedereiche isto tamén, pois contas co meu favor e coñézote polo nome".

18 Entón Moisés pediu: —"Móstrame a túa gloria".

19 O Señor respondeulle: —"Farei pasar diante de ti todo o meu ben e pronunciarei diante de ti o nome do Señor, pois fago favores a quen quero e mostro misericordia con quen quero".

20 E engadiu: —"Pero non poderás ver a miña cara, porque non pode verme un home e despois seguir vivindo".

21 E dixo aínda o Señor: —"Aí tes un lugar cerca de min. Ponte de pé naquel penedo.

22 Cando a miña gloria pase, metereite nunha greta e tapareite coa man, ata que eu teña pasado.

23 Cando retire a miña man, poderás verme polas costas, pero non poderás ver a miña cara".

Lean sinn:



Sanasan