Éxodo 32 - Biblia SEPTO becerro de ouro 1 Vendo o pobo que Moisés se demoraba en baixar da montaña, xuntouse ó redor de Aharón e díxolle: —"Anda, fainos un deus que vaia diante de nós, pois ese Moisés, o home que nos sacou de Exipto, non sabemos que foi del". 2 Respondeulles Aharón: —"Collede das vosas mulleres e dos vosos fillos e fillas os pendentes de ouro que levan nas orellas e traédemos". 3 Todo o mundo quitou os pendentes de ouro das orellas e tróuxollos a Aharón. 4 El recibiunos das súas mans, e fixo do metal fundido un becerro, modelado a cicel. O pobo exclamaba diante del: —"Este é o teu Deus, Israel, que te sacou de Exipto". 5 En vendo isto Aharón, construíu un altar diante do becerro. E proclamou: —"Mañá será festa en honor do Señor". 6 A mañá seguinte o pobo ergueuse cedo; ofreceron holocaustos e sacrificios de comuñón, sentaron todos a comer e a beber, e logo puxéronse a danzar. 7 O Señor díxolle a Moisés: —"Anda, baixa da montaña, porque o teu pobo, o que sacaches de Exipto, perverteuse. 8 Desviáronse axiña do camiño que eu lles indicara. Fixéronse un becerro de metal, próstranse diante del, ofrécenlle sacrificios e pregoan: Este é o teu Deus, Israel, o que te sacou de Exipto". 9 E díxolle o Señor aínda a Moisés: —"Vexo que este pobo ten a cerviz dura. 10 Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero a ti convertereite nun gran pobo". Intercesión de Moisés 11 Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu Deus: —"Por que, Señor, se ten que acender a túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa sacaches de Exipto? 12 Por que haberían dicir os exipcios: Sacounos arteiramente, para matalos nas montañas e varrelos da face da terra? Vólvete atrás do teu noxo e renuncia ó castigo que pensaches contra o teu pobo. 13 Lembra ós teus servos Abraham, Isaac e Israel, ós que con xuramento prometiches: Multiplicarei os vosos descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos teño falado, para que o herden a perpetuidade". 14 E o Señor renunciou ó castigo co que ameazara ó seu pobo. As táboas da lei rotas 15 Moisés baixou do monte coas dúas táboas da alianza na súa man. Estaban escritas polos dous lados, 16 e eran obra de Deus: o gravado nas táboas era escritura de Deus. 17 En oíndo Xosué a algueirada do pobo, díxolle a Moisés: —"Óense berros de loita no campamento". 18 Moisés respondeulle: —"Non son aturuxos de vitoria, nin salaios de desfeita, senón que son cantos o que oio". 19 Cando chegou ó campamento e viu o becerro e a danza, Moisés anoxouse moito, tirou as táboas da man e crebounas na aba da montaña. 20 Logo agarrou o becerro que fixeran, queimouno e moeuno, ata convertelo en po, e fíxollelo beber ós israelitas. 21 Moisés díxolle a Aharón: —"Que che fixo este pobo, para que deixases caer enriba del un pecado tan grave?" 22 Respondeulle Aharón: —"Que non se anoxe o meu señor. Ti sabes que este pobo é inclinado ó mal. 23 Dixéronme: Fainos un deus que nos conduza, pois ese Moisés, o home que nos sacou de Exipto, non sabemos que foi del. 24 Eu díxenlles: Quen de entre vós ten ouro? Eles recolleron ouro e trouxéronmo. E eu fundino, e saíu este becerro". 25 Vendo Moisés que o pobo estaba desbocado, pois deixárao desbocarse Aharón, expoñéndoo ó riso dos inimigos, 26 púxose á entrada do campamento e berrou: —"Comigo os que están polo Señor!" E fóronse con el todos os levitas. 27 El díxolles: —"Isto manda o Señor, o Deus de Israel: Cinguide cada un a súa espada, ide e vide de porta en porta polo campamento e que cada un mate ó seu irmán, ó seu amigo, ó seu parente". 28 Os levitas cumpriron o mandado de Moisés, e aquel día caeron cerca de tres mil homes do pobo. 29 Díxolles Moisés: —"Recibide hoxe a investidura do Señor. Cada un, a costa do fillo ou do irmán, hoxe merecestes a súa bendición". 30 O día seguinte Moisés díxolle ó pobo: —"Cometestes un grave pecado. Agora subirei onda o Señor, para ver se vos obteño o perdón". 31 Volveu, pois, Moisés onda o Señor e dixo: —"Recoñezo que este pobo cometeu un grave pecado, ó facerse un deus de ouro. 32 Pero rógoche que agora lle perdoes o pecado. E se non, táchame a min tamén do libro onde rexistras". 33 O Señor respondeulle a Moisés: —"Do meu rexistro tacharei ó que pecou. 34 Pero agora vai e leva o pobo a onde che mandei. O meu anxo irá diante de ti. O día da conta pedireille as contas do pecado". 35 O Señor castigou ó pobo, por veneraren o becerro que lles fixo Aharón. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)