Éxodo 31 - Biblia SEPTOs artífices do santuario 1 O Señor díxolle a Moisés: 2 —"Ves que chamei polo seu nome a Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, 3 e que o enchín do espírito de Deus, de sabedoría, de intelixencia e de habilidade para calquera labor: 4 para concibir proxectos, para labrar o ouro, a prata e o bronce, 5 para tallar pedras e engastalas, para tallar madeiras e facer calquera obra. 6 Ves tamén que lle dei por axudante a Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan. A todos os homes capaces deilles habilidade, para que poidan facer todo canto che mandei: 7 A Tenda do Encontro, a arca da alianza co propiciatorio que está por riba dela, e os utensilios todos da tenda, 8 A mesa cos seus accesorios, o candelabro de ouro cos seus trebellos, o altar do incenso, 9 o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios e a pía coa súa base, 10 As vestiduras sacras do sacerdote Aharón e de seus fillos, cando serven no santuario, 11 o óleo da unción, o incenso recendente para o santuario. Farán todas esas cousas conforme eu che mandei". O descanso do sábado 12 O Señor díxolle a Moisés: 13 —"Dilles ós israelitas: Gardaredes o meu sábado, porque o sábado é o sinal entre min e vós, dunhas a outras xeracións, polo que coñeceredes que eu son o Señor que vos consagro. 14 Gardaredes o sábado, que será día santo para vós. O que o profane será reo de morte; o que traballe nese día será excluído do pobo. 15 Seis días traballarás, pero o sétimo, sábado, é día de lecer, consagrado ó Señor. O que traballe en día de sábado será reo de morte. 16 Os israelitas gardarán o día do sábado, celebrarano polas xeracións, cumprindo un pacto perpetuo. 17 Será sinal duradeiro entre min e os israelitas, pois en seis días fixo o Señor o ceo e a terra, e o sétimo descansou". 18 Cando o Señor rematou de falar con Moisés no monte Sinaí, entregoulle as dúas táboas da alianza, táboas de pedra escritas polo dedo de Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)