Éxodo 30 - Biblia SEPTO altar do incenso 1 Farás un altar de madeira de acacia, para queimar nel o incenso. 2 Faralo cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto, con cornos saíntes nos ángulos. 3 Revestiralo de ouro puro, por enriba, polos lados e nos cornos; poraslle unha cinta de ouro ó redor. 4 Debaixo da cinta, nos dous flancos, poraslle dúas argolas de ouro, para meter os dous varais con que podelo transportar. 5 Os varais serán de madeira de acacia, revestidos de ouro. 6 Colocarás o altar diante do veo que tapa a arca da alianza, diante do propiciatorio que cobre o testemuño, onde eu virei ó teu encontro. 7 Aharón queimará nel incenso recendente, ó tempo de axeitar cada mañá as lámpadas, 8 e cando as acenda pola tarde. Será incenso perpetuo diante do Señor, polas xeracións. 9 Non ofreceredes nel incenso prohibido, nin holocaustos, nin ofrendas, nin verteredes libacións. 10 Aharón fará por el a expiación, unxindo unha vez no ano os seus cornos co sangue do sacrificio polo pecado; así polas xeracións. O altar está consagrado ó Señor". Prezo do rescate 11 O Señor díxolle a Moisés: 12 —"Cando contes os israelitas para facer o seu censo, cada persoa pagará ó Señor un rescate pola súa vida; así non sufrirán praga ningunha, ó seren rexistrados. 13 Cada persoa rexistrada pagará medio siclo, segundo o peso do siclo do santuario que é de vinte óbolos; medio siclo será o voso tributo para o Señor. 14 Cada persoa rexistrada, de vinte anos para arriba, pagará este tributo ó Señor. 15 Nin o rico dará máis nin o pobre dará menos da metade dun siclo, como tributo ó Señor polo rescate das súas vidas. 16 Recollerás o diñeiro do rescate dos israelitas e dedicaralo ó servizo da Tenda do Encontro. Servirá para memorial diante do Señor de que os israelitas rescataron as súas vidas". A pía de bronce 17 O Señor díxolle a Moisés: 18 —"Farás unha pía de bronce, coa base tamén de bronce, para as ablucións. Porala entre a Tenda do Encontro e o altar e botarás auga nela. 19 Aharón e seus fillos lavarán nela as mans e mais os pés. 20 Cando entren na Tenda do Encontro, lavaranse con auga, e así non morrerán. E o mesmo cando se acerquen ó altar para oficiar ou para queimar unha ofrenda ó Señor. 21 Lavarán as mans e os pés, e así non morrerán. Esta é lei perpetua para eles e para os seus descendentes, polas xeracións". O óleo da unción 22 O Señor díxolle a Moisés: 23 —"Procúrate aromas da mellor calidade: cincocentos siclos de mirra virxe, douscentos cincuenta de cinamomo recendente e douscentos cincuenta de canela, 24 cincocentos siclos de casia, en peso do santuario, e sete litros de aceite de oliveira. 25 Con todo iso farás o óleo da unción santa, un perfume recendente, coma o que fan os perfumistas. Será o óleo da unción santa. 26 Con el unxirás a Tenda do Encontro e a arca da alianza, 27 A mesa cos seus recipientes, o candelabro cos seus trebellos, o altar do incenso, 28 o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios, e a pía coa súa base. 29 Consagrarás estas cousas todas, para que sexan santísimas: calquera que as toque quedará tamén santificado. 30 Unxirás a Aharón e a seus fillos, para que me queden consagrados na función de sacerdotes. 31 Diraslles ós israelitas: Este será o meu óleo santo da unción polas xeracións. 32 Non poderedes unxir con el ningunha outra persoa. Nin faredes un preparado coma este. Foi consagrado, e será santo para vós. 33 Calquera que prepare outro óleo coma este e unxa con el un profano, será excluído do pobo". O incenso 34 O Señor díxolle a Moisés: —"Procúrate estes aromas: ámbar, uña recendente, gálbano e incenso puro, todo nas mesmas cantidades. 35 Con todo iso prepara o incenso, conforme á arte dos perfumistas, mesturado con sal, puro e santo. 36 Despois moerás un pouco, ata convertelo en po, e porás unha parte del diante da arca, na Tenda do Encontro, na que eu virei onda ti. Terédelo por cousa santa. 37 Para os vosos usos non faredes incenso composto conforme a esa receita. Ese terédelo por cousa consagrada ó Señor. 38 O que faga para o seu uso un aroma coma ese, será excluído do pobo". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)