Éxodo 3 - Biblia SEPTA vocación de Moisés 1 Moisés pastaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. 2 Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía. 3 E dixo para si: "Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira". 4 En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira: —"Moisés! Moisés!" El respondeu: —"Aquí estou". 5 Díxolle Deus: —"Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada". 6 E engadiu: —"Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob". Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus. 7 O Señor díxolle: —"Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. 8 Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel, ós lugares dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos. 9 O pranto dos israelitas chega xa onda min, e tamén teño visto como os oprimen os exipcios. 10 Agora anda. Mándote onda o faraón, para que saques de Exipto ó meu pobo, os fillos de Israel". 11 Moisés díxolle a Deus: —"Quen son eu para ir onda o faraón e para sacar os israelitas de Exipto?" 12 Respondeulle Deus: —"Eu estarei contigo. E este será o sinal de que eu te mando: Cando saques o pobo de Exipto, adoraredes a Deus nesta montaña". 13 Moisés replicou: —"Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: E cal é o seu nome? Que lles direi eu entón?" 14 Deus respondeulle a Moisés: —"EU SON O QUE SON". E engadiu: —"Diraslles así ós israelitas: EU SON mándame onda vós". 15 E mandoulle aínda: —"Diraslles tamén ós israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme todas as xeracións. 16 Agora vai, xunta os anciáns de Israel e dilles: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, aparecéuseme e díxome: Veño visitarvos, pois xa vin como vos tratan en Exipto. 17 Teño decidido sacarvos da miseria de Exipto e levarvos ó país dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos, unha terra que deita leite e mel. 18 Eles faranche caso, e ti e mais os anciáns de Israel iredes onda o rei de Exipto e dirédeslle: Iavé, o Deus dos hebreos, veu ó noso encontro e agora temos que facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos sacrificios a Iavé, o noso Deus. 19 Eu sei que o rei de Exipto non vos deixará saír, se non é forzado por man rexa. 20 Pero eu alongarei a miña man e ferirei a Exipto. Obrarei alí moitos prodixios, e deixaranvos saír. 21 Farei tamén que este pobo encontre o favor dos exipcios. Dese xeito, cando saian, non sairán coas mans baldeiras. 22 As mulleres pediranlles ás súas veciñas e ás súas hóspedes obxectos de prata e de ouro e roupas para vestir os vosos fillos e fillas, e así levaredes botín de onda os exipcios". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)