Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 29 - Biblia SEPT


Consagración dos sacerdotes

1 Este é o rito da consagración dos sacerdotes. Colle do gando un xovenco e dous carneiros sen defecto.

2 Colle tamén pan ácimo, bicas ácimas amasadas con aceite, filloas tamén ácimas untadas con aceite, todo feito de flor de trigo.

3 Porás todo nunha cesta e ofrecerasmo nela, co xovenco e cos dous carneiros.

4 Mandarás a Aharón e a seus fillos acercarse á porta da Tenda do Encontro e bañarse con auga.

5 Despois collerás as roupas e vestiraslle a Aharón o manto, o manto do efod, o efod e o peitoral, e cinguiralo co cíngulo do efod.

6 Poraslle na cabeza a tiara, e por riba a sagrada diadema.

7 Despois collerás o óleo da unción, verterasllo na cabeza, e quedará unxido.

8 Logo farás que se acerquen os seus fillos, vestiraslles as túnicas,

9 cinguiráslles o cíngulo. O mesmo a Aharón coma a eles poralles as súas mitras. O sacerdocio será a súa propiedade para sempre. Así é como investirás a Aharón e a seus fillos.


Ofrenda

10 Farás traer o xovenco diante da Tenda do Encontro, e Aharón e os seus fillos poranlle as mans na cabeza.

11 Logo degolaralo diante do Señor, á entrada da Tenda do Encontro.

12 Collerás un pouco do seu sangue e mollarás cos dedos os cornos do altar. O resto do sangue verteralo ó pé do altar.

13 Sacaraslle o sebo que envolve as entrañas, o que cobre o fígado, os dous riles co sebo que os envolve, e queimaralo todo no altar.

14 A carne do xovenco, a súa pel e as súas tripas, queimaralas no lume, fóra do campamento, coma sacrificio polo pecado.

15 Despois collerás un dos carneiros, e Aharón e os seus fillos imporán as mans na súa cabeza.

16 De seguido, degolaralo, tomarás o seu sangue e asperxerás con el o altar ó redor.

17 Porás o carneiro en anacos, lavarás as súas entrañas e as súas patas, poralas cos anacos de carne e coa cabeza

18 e queimarás o carneiro todo encima do altar. É un holocausto para o Señor, un sacrificio recendente que lle prace.

19 Collerás despois o outro carneiro, e Aharón e os seus fillos imporanlle as mans na cabeza.

20 Degolarás o carneiro, collerás do seu sangue e mollarás con el o lóbulo da orella dereita de Aharón e os das orellas dos seus fillos, e tamén os polgares das súas mans e as dedas dos seus pés dereitos, e despois verterás o sangue ó redor do altar.

21 Tomarás do sangue que hai enriba do altar e do óleo da unción, e asperxerás a Aharón e os seus vestidos, e ós fillos de Aharón e os seus vestidos. Dese xeito, tanto eles coma os seus vestidos quedarán consagrados.

22 Do carneiro collerás logo o sebo, o rabo, o sebo que cobre as entrañas, o lóbulo do fígado, os dous riles co sebo que os envolve e a perna dereita, porque este é o carneiro da investidura.

23 Da cesta dos ácimos presentados ó Señor collerás unha bola, unha bica amasada con aceite e unha filloa.

24 Porás todo nas mans de Aharón e dos seus fillos e abalaralos ritualmente diante do Señor.

25 Collerás todo outra vez das súas mans e queimaralo no altar coma holocausto, coma recendo que prace ó Señor. É un sacrificio no seu honor.

26 Despois collerás o peito do carneiro da investidura de Aharón e abalaralo ritualmente diante do Señor. Esa será a túa ración.

27 Do carneiro da investidura de Aharón e dos seus fillos consagrarás o peito que foi abalado e mais a perna ofrecida.

28 Esta será, por lei perpetua, a ración de Aharón e dos seus fillos, de parte dos israelitas. É a ofrenda que os israelitas ofreceron ó Señor en sacrificio de comuñón.

29 As vestimentas sacras de Aharón herdaranas seus fillos, para cando eles sexan unxidos e reciban a investidura.

30 O fillo que lle suceda no sacerdocio vestiraas sete días, cando entre na Tenda do Encontro para servir no santuario.


Banquete sagrado

31 Collerás o carneiro da investidura, cocerás a súa carne no lugar santo,

32 e Aharón e os seus fillos comerano, co pan que hai na cesta, á entrada da Tenda do Encontro.

33 Comerán a parte coa que se fixo a expiación na súa investidura e na súa consagración. Non comerá dela un alleo, porque é ración sagrada.

34 Se da carne da investidura ou do pan quedase algo para o día seguinte, queimarase no lume. Ninguén comerá ese sobrante, porque é cousa santa.


Expiación polo altar

35 Isto é o que farás con Aharón e con seus fillos, conforme che teño mandado. A investidura require sete días.

36 Cada día ofrecerás en sacrificio un xovenco para expiación polo pecado. Ofreceralo encima do altar para expiar por el, e despois unxiralo para a súa consagración.

37 Durante sete días expiarás polo altar e despois consagraralo. O altar será santísimo; calquera cousa que o toque quedará consagrada.


O sacrificio perpetuo

38 Isto é o que ofrecerás sobre o altar todos os días: dous cordeiros dun ano,

39 un á mañá e outro á tarde.

40 Co primeiro ofrecerás un décimo de flor de fariña, amasada coa cuarta parte dun hin de aceite de oliva, e unha libación de viño.

41 Co segundo cordeiro, o da tarde, farás, coma á mañá, unha ofrenda e unha libación: ofrenda recendente que prace ó Señor.

42 Este será o holocausto perpetuo ó Señor, polas xeracións, á entrada da Tenda do Encontro, onde me encontrarei convosco e onde vos falarei.

43 Alí virei eu ó encontro de Israel, e o lugar quedará consagrado pola miña presenza gloriosa.

44 Consagrarei a Tenda do Encontro e mais o altar, consagrarei a Aharón e a seus fillos coma os meus sacerdotes.

45 Habitarei no medio de Israel e serei o seu Deus.

46 E eles recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus, que os saquei de Exipto e que habito no medio deles. Eu o Señor, o seu Deus.

Lean sinn:



Sanasan