Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 28 - Biblia SEPT


As roupas dos sacerdotes

1 Manda vir onda ti a teu irmán Aharón e a seus fillos Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. De entre todos os israelitas serán eles os meus sacerdotes.

2 A teu irmán Aharón faraslle vestimentas sacras, que lle dean honor e maxestade.

3 Ordena a artesáns destros, dotados de espírito de sabedoría, que preparen as roupas coas que Aharón será consagrado sacerdote.

4 Deberanlle facer estes ornamentos: o peitoral, o efod, o manto, a túnica bordada, a mitra e a faixa. Para faceren os vestidos sacros para o sacerdocio do teu irmán Aharón e dos seus fillos

5 serviranse de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino.


O efod

6 O efod faralo de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido e bordado.

7 Levará dúas ombreiras, unha por cada lado, que servirán para atalo.

8 Terá para cinguilo un cíngulo, que será da súa mesma feitura: de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido.

9 Collerás dúas pedras de ónix e gravarás nelas os nomes das tribos de Israel,

10 seis nomes nunha pedra e seis na outra, por orde de nacemento.

11 Farás gravar os nomes das tribos de Israel nas dúas pedras, engastadas en ouro, como fan os ourives gravadores de selos.

12 Despois porás as dúas pedras nas ombreiras do efod, para lembranza das tribos de Israel. Aharón levará sobre os ombreiros os nomes dos israelitas, para lembranza diante do Señor.

13 Faraslles engastes de ouro

14 e dúas cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón, e poralas trenzadas nos engastes.


O peitoral

15 Farás o peitoral das sortes, traballado con arte, da mesma feitura do efod, de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido.

16 Será cadrado, dobre, un palmo de longo e un de ancho.

17 Levará engastadas catro ringleiras de pedras. Na primeira unha sardónica, un topacio e unha esmeralda;

18 na segunda un rubí, un zafiro e un xaspe;

19 na terceira un ópalo, unha ágata e unha ametista;

20 e na cuarta un crisólito, un ónix e un berilo. Estarán todas nas súas ringleiras, engastadas en ouro.

21 As pedras corresponden ós nomes das tribos de Israel, doce pedras por doce nomes. Cada unha levará gravado un nome, coma un selo; e así as doce tribos cos seus nomes.

22 Farás para o peitoral cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón,

23 e dous aneis de ouro, que lle porás ó peitoral nos seus dous cabos.

24 Pasarás as dúas cadeíñas de ouro polos aneis dos dous cabos do peitoral,

25 e as puntas das cadeíñas fixaralas nos engastes, collidos no lado dianteiro das ombreiras do efod.

26 Farás outros dous aneis de ouro e poralos nos dous cabos da parte baixa do peitoral, polo lado de dentro, de cara ó efod.

27 E dous aneis máis que farás aínda, fixaralos nas dúas ombreiras do efod, na súa parte baixa dianteira, onda a xuntura, por enriba do cíngulo do efod.

28 Os aneis do peitoral ligaranse cos do efod cun cordón de púrpura violácea, de xeito que o peitoral quede por riba do cíngulo do efod e non se solte del.

29 Dese xeito Aharón levará os nomes das tribos de Israel no peitoral das sortes, sempre que entre no santuario, para lembranza perpetua diante do Señor.

30 No peitoral das sortes porás os urim e os tummim, e así irán sobre o corazón de Aharón, sempre que este entre onda o Señor, Aharón levará sempre sobre o corazón, na presenza do Señor, as sortes de Israel.


O manto

31 Farás tamén tecer o manto do efod, todo de púrpura violácea.

32 No medio, por enriba, levará unha abertura, cunha orla de reforzo ó arredor, coma unha cota, para que non esgace.

33 No borde baixo, ó arredor, poraslle granadas de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e, mesturadas con elas, campaíñas de ouro.

34 As granadas e as campaíñas alternaranse por todo o arredor.

35 Aharón vestirá este manto cando faga o servizo, de xeito que se sinta o tintín cando entre no santuario, na presenza de Deus, e tamén cando saia. Así non morrerá.


A diadema

36 Farás unha flor de ouro puro e gravarás nela, como se grava un selo: Consagrado ó Señor.

37 Cun cordón de púrpura violácea suxeitarás a flor na cara dianteira da tiara.

38 Porala na testa de Aharón, que cargará coas culpas dos israelitas, cando estes ofrezan as súas ofrendas sacras. Aharón levará a flor sempre na fronte, para reconcilialos co Señor.


Outros vestidos

39 O manto do efod faralo de liño; e o mesmo a tiara e mais o cíngulo; será todo bordado.

40 Os fillos de Aharón faraslles tamén túnicas, cíngulos e tiaras, que lles dean honor e maxestade.

41 Así é como vestirás a teu irmán Aharón e a seus fillos. Unxiralos e consagraralos, para que me sirvan como sacerdotes.

42 Faraslles calzóns de liño, que lles cubran cadrís e coxas, que lles tapen as partes.

43 Aharón e os seus fillos levaranos cando entren na Tenda do Encontro e cando se acerquen ó altar para o servizo do santuario, para que non cometan falta, e morran. Esta será lei perpetua para Aharón e para seus fillos.

Lean sinn:



Sanasan