Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 27 - Biblia SEPT


O altar dos holocaustos

1 Farás o altar de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto.

2 Nos catro ángulos faraslle saíntes coma cornos, que revestirás de bronce.

3 Para o altar farás, sempre de bronce, caldeiros para a cinsa, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros.

4 Dotarás o altar dun enreixado, feito de bronce e en forma de rede. Nos catro cantos levará catro argolas de bronce.

5 Porás o enreixado debaixo do reborde saínte do altar, desde a media altura ata o chan.

6 Farás aínda para o altar varais de madeira de acacia, recubertos de bronce;

7 meterasllos polas argolas dos costados, para podelo transportar.

8 O altar faralo oco e de táboas, conforme o modelo que che mostrei na montaña.


O adro

9 Co tabernáculo farás tamén o adro. Polo lado sur poraslle cortinas de liño fino torcido, cunha lonxitude de cen cóbados por lado.

10 As súas vinte columnas estarán asentadas en vinte baseamentos de bronce. Os ganchos e as argolas das columnas serán feitos de prata.

11 Do mesmo xeito, polo norte, o adro levará unha cortina de cen cóbados de longa, vinte columnas asentadas en vinte baseamentos de bronce, con alcaiatas e argolas de prata.

12 O ancho, polo ocaso, o adro levará unha cortina de cincuenta cóbados de longa, e dez columnas con outros tantos baseamentos.

13 O ancho, polo nacente, a cortina terá tamén cincuenta cóbados.

14 A un lado da porta irán quince cóbados de cortina, con tres columnas e os seus baseamentos.

15 Do lado oposto, a mesma cousa.

16 Para a porta do adro farás unha cortina de vinte cóbados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada; levará catro columnas cos seus baseamentos.

17 Todas as columnas ó redor do adro levarán aneis de prata, con ganchos de prata e con baseamentos de bronce.

18 O adro terá cen cóbados de longo, cincuenta de ancho e cinco de alto. Será de liño fino torcido, cos baseamentos de bronce.

19 Todos os utensilios para calquera dos servizos do tabernáculo, as súas estacas e as do adro, serán todos de bronce.


O aceite da lámpada

20 Ordénalles ós israelitas que che traian aceite puro de oliva, para manter a lámpada acesa.

21 Aharón e os seus fillos colocarana na Tenda do Encontro, por fóra do veo que tapa o testemuño, para que brille diante do Señor, desde a noite á mañá. Esta é lei perpetua para todas as xeracións de Israel.

Lean sinn:



Sanasan