Éxodo 25 - Biblia SEPTConstrución do santuario 1 O Señor faloulle a Moisés: 2 —"Di lles ós israelitas que me presenten unha ofrenda. Aceptarédela de todos aqueles que de corazón ma queiran ofrecer. 3 As cousas que podedes aceptar como ofrenda serán: ouro, prata e bronce, 4 púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño e pelo de cabra, 5 peles de carneiro curtidas, peles de teixugo e madeira de acacia, 6 Aceite para as lámpadas, aromas para o óleo de unción e para o incenso, 7 pedras de ónix e pedras de engaste para o efod e para o peitoral. 8 Que me fagan un santuario, onde eu habite no medio deles. 9 Faredes o tabernáculo e os utensilios para o culto conforme o modelo que eu che indicarei. A arca 10 Construirás unha arca de madeira de acacia de dous cóbados e medio de longa, un e medio de ancha e un e medio de alta. 11 Revestirala de ouro puro por dentro e por fóra; por enriba, ó arredor, poraslle unha cinta tamén de ouro. 12 De ouro fundido farás catro argolas e porasllas nos catro cantos, dúas para un flanco e dúas para o outro. 13 Despois farás varais de madeira de acacia, revestiralos de ouro 14 e meteralos polas argolas dos dous lados da arca, para podela transportar. 15 Os varais quedarán metidos nas argolas e non se sacarán delas. 16 Na arca meterás o testemuño que eu che darei. 17 Farás o propiciatorio de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho. 18 Despois cicelarás dous querubíns de ouro para os seus dous extremos. 19 Porás un querubín en cada extremo, formando un corpo co propiciatorio. 20 Os querubíns despregarán as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; mirarán cara ó centro deste, un enfronte do outro. 21 Porás o propiciatorio encima da arca, e nesta depositarás o testemuño que eu che darei. 22 Desde enriba do propiciatorio, entre os dous querubíns que están encima da arca do testemuño, virei ó teu encontro e direiche todo o que teña que mandarche para os israelitas. A mesa dos pans sagrados 23 Farás unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longa, un de ancha e un e medio de alta. 24 Revestirala de ouro puro e poraslle ó redor unha cinta de ouro. 25 O redor faraslle un reborde dun palmo, no que porás tamén unha cinta de ouro. 26 Farás catro argolas de ouro e poralas nos catro cantos da mesa, unha por cada pé. 27 As argolas estarán agarradas no reborde. Por elas meteranse os varais para transportar a mesa. 28 Os varais faralos de madeira de acacia, revestidos de ouro. Con eles poderase erguer a mesa. 29 Farás tamén pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións, todo de ouro puro. 30 Encima da mesa porás os pans presentados, que estarán sempre diante de min. O candelabro 31 Farás un candelabro de ouro puro, traballado a martelo, coa súa base e co seu fuste. Formarán unha peza con el as súas copas, os seus cálices e as súas corolas. 32 Dos seus lados sairán seis brazos, tres dun lado e tres do outro. 33 Cada brazo terá tres copas, coma a flor da améndoa, co seu cáliz e a súa corola. Serán o mesmo os seis brazos que sairán do candelabro. 34 O candelabro terá no fuste catro copas, coma as flores da améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 35 Debaixo de cada parella de brazos que saen do candelabro, levará un cáliz. Así será cos seis brazos. 36 Os cálices e mais os brazos serán dunha mesma peza, cicelados en ouro puro. 37 Despois farás sete lámpadas e poralas no candelabro, para que alumen cara adiante. 38 As pinzas para avivecelas e os seus cinseiros serán de ouro puro. 39 Cun talento de ouro puro farás o candelabro e todos os seus trebellos. 40 Coida de facelo todo conforme o modelo que che mostrei na montaña. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)