Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 24 - Biblia SEPT


Conclusión e rito da alianza

1 O Señor díxolle a Moisés: —"Subide onda min, ti, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel, e prostrádevos desde lonxe.

2 Soamente Moisés se aproximará ó Señor, pero non os outros. E o pobo que non suba".

3 Moisés veu e expúxolle ó pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a unha respondeu: —"Faremos todo o que dixo o Señor".

4 Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor. O día seguinte Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel.

5 Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ó Señor.

6 Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade asperxeuna no altar.

7 Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ó pobo. Este respondeu: —"Faremos todo o que dixo o Señor, e obedeceremos".

8 Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu ó pobo con el, dicindo: —"Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme as palabras lidas".

9 Moisés, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel subiron á montaña

10 e viron ó Deus de Israel. Debaixo dos seus pés había coma un pavimento de zafiro, limpo coma o mesmo ceo.

11 Deus non alongou a man contra os escolleitos de Israel, que puideron ver a Deus. Despois comeron e beberon.

12 O Señor díxolle a Moisés: —"Sube á montaña e queda onda min. Dareiche as táboas de pedra coa lei e cos mandamentos que escribín, para que llos ensines ó pobo".

13 Moisés foi, co seu axudante Xosué, e subiu ó monte de Deus.

14 Os xefes do pobo deixáralles encomendado: —"Agardade aquí, ata que volvamos onda vós. Aharón e Hur quedan convosco. Se alguén tiver un preito, que llelo expoña a eles".

15 Moisés subiu á montaña, que estaba cuberta pola nube.

16 A gloria do Señor fixera morada sobre o monte Sinaí. A nube tapou o monte por seis días. O sétimo día chamou o Señor a Moisés desde o medio da nube.

17 Os israelitas a gloria do Señor aparecíalles coma un lume coruscante no cume da montaña.

18 Moisés entrou na nube, subiu á montaña e quedou alí corenta días coas súas noites.

Lean sinn:



Sanasan