Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 22 - Biblia SEPT

1 Se un ladrón é sorprendido furando unha parede e niso o feren e morre, non terá vinganza do sangue.

2 Se o sol xa saíra, o ladrón será vingado, pero pagará polo furto; se non ten con que pagar, será vendido.

3 Se o boi, o asno ou a ovella que roubou se atopan no seu poder aínda vivos, terá que pagar o dobre.

4 Cando alguén asoballe un eido ou unha viña, deixando pacer no eido alleo o seu rabaño, pagará o dano co mellor do seu eido e da súa viña.

5 Se se escapa o lume e pega nas silveiras e queima as medas do trigo, os palleiros ou as leiras, o que acendeu o lume pagará o queimado.

6 Cando alguén poña en depósito diñeiro ou alfaias onda outro e rouben os bens da casa deste, se aparece o ladrón, este pagará o dobre.

7 Se o ladrón non aparece, o dono da casa comparecerá na presenza de Deus, para xurar que non tocou os bens do próximo.

8 En caso de prexuízo na propiedade dun boi, dun asno, dunha ovella, de roupa e de calquera cousa que falte e da que un poida dicir: é esta, levarase o caso dos dous á presenza de Deus, e aquel que Deus declare culpado pagará o dobre ó seu próximo.

9 Cando alguén lle encargue ó seu veciño a garda dun asno, dun boi, dunha ovella ou de calquera outro animal e ese animal morre, creba un óso ou é roubado, sen que ninguén o vexa,

10 o segundo xurará polo Señor ó primeiro que non tocou os seus bens. Este terá que conformarse, pois non haberá compensación.

11 Pero se lle roubaron o animal á súa vista, terá que restituírllo ó seu dono.

12 Se o animal foi despezado, presentará unha proba e non terá que pagalo.

13 Cando alguén lle pida a un veciño un animal prestado, se o animal morre ou rompe un óso, estando ausente o seu dono, aquel terá que pagarllo.

14 Se o dono estaba presente, non terá que pagarllo. Se o animal era alugado, entra no aluguer.


Leis morais e relixiosas

15 Se un home engaiola unha rapaza solteira e se deita con ela, deberá pagar o seu dote e tomala por muller.

16 Se o pai dela se nega a darlla, o home pagará unha cantidade de diñeiro igual ó dote polas doncelas.

17 Non deixarás con vida ás feiticeiras.

18 O que se axunte cun animal será reo de morte.

19 O que ofreza sacrificios a outros deuses, fóra do Señor, será condenado.

20 Non aflixirás nin asoballarás os forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.

21 Non oprimirás as viúvas nin os orfos.

22 Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu escoitarei certamente a súa queixa.

23 O meu noxo acenderase e fareivos morrer a espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.

24 Se lle emprestas diñeiro a un do meu pobo, ó pobre que vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses.

25 Se tomas en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo,

26 pois é o vestido que ten para cubrir o seu corpo. Con que, se non, se taparía ó deitarse? Se se queixa a min, escoitareino, porque eu son misericordioso.

27 Non blasfemes de Deus nin maldigas o xefe do teu pobo.

28 Non te descoides na oferta da colleita e da vendima. Dáme os teus fillos primoxénitos.

29 E o mesmo farás cos dos teus gandos e cos dos teus rabaños. Deixarás sete días a cría coa súa nai e no oitavo entregarasma.

30 Seredes persoas santas para min. Non comeredes carne de animais esnaquizados: botarédesllela ós cans.

Lean sinn:



Sanasan