Éxodo 20 - Biblia SEPTOs dez mandamentos 1 O Señor pronunciou estas palabras: 2 —"Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude. 3 Non terás xunto comigo outros deuses. 4 Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra. 5 Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos. 6 Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións. 7 Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ó que pronuncia en van o seu nome. 8 Pensa no día do sábado, para o faceres día santo. 9 Traballarás seis días na semana, e neles farar a túa tarefa. 10 Pero o día sétimo é sábado, dedicado ó Señor o teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. 11 Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou. Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo. 12 Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor teu Deus che dá. 13 Non matarás. 14 Non cometerás adulterio. 15 Non roubarás. 16 Non darás un testemuño falso contra o teu próximo. 17 Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu". 18 O pobo enteiro percibía os tronos, os lóstregos, o soar da trompeta e o fumegar do monte. A vista diso tremía e mantíñase lonxe. 19 Dicíanlle a Moisés: —"Fálanos ti, e escoitaremos; pero que non nos fale Deus, non sexa que morramos". 20 Moisés respondeulles: —"Non teñades medo. Deus vén para probarvos e para que teñades á vista o seu temor e non pequedes". 21 O pobo quedou lonxe, e Moisés aproximouse á nube mesta, onde estaba Deus. Código da alianza: O altar 22 O Señor díxolle a Moisés: —"Fálalles ós israelitas: Vós mesmos puidestes ver como vos dirixín a palabra desde o ceo. 23 Non faredes deuses de prata para poñelos ó meu lado, nin vos fabricaredes deuses de ouro. 24 Faime un altar de terra e ofréceme sobre el os holocaustos e os sacrificios de comuñón, as túas ovellas e as túas vacas. En calquera sitio onde eu faga o meu nome memorable, virei onda ti e bendicireite. 25 Se me fas un altar de pedra, non o fagas de pedra labrada, pois ó picar a pedra co punteiro, lixaríala. 26 Non subas ó meu altar por escaleiras, para non mostrares desde elas as túas partes. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)