Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 2 - Biblia SEPT


Nacemento e crianza de Moisés

1 Un home da tribo de Leví casou cunha muller da mesma tribo.

2 A muller quedou embarazada e deu a luz un neno. Atopábao moi fermoso e tívoo encuberto por tres meses.

3 Cando xa non podía encubrilo por máis tempo, colleu unha cesta de xuncos, embreouna de betume e de pez, meteu o neno nela e deixouna nunha xunqueira, á beira do río.

4 Unha irmá do neno axexaba desde lonxe, para ver que ía ser del.

5 Baixou a filla do faraón para se bañar no río e, mentres as súas doncelas paseaban polas beiras, viu a cesta na xunqueira e mandou á súa serva que a trouxese.

6 Abriuna e viu nela un neno que choraba. Condoída del, dixo: —"É un neno dos hebreos".

7 A irmá do neno díxolle á filla do faraón: —"Queres que vaia buscar unha muller hebrea que o críe?"

8 Respondeulle ela: —"Vai". E a rapaza foi chamar a nai do neno.

9 Díxolle a filla do faraón: —"Leva este neno e críamo; pagareiche o debido". Ela colleu o neno e criouno.

10 Cando o neno era xa grande, levoullo á filla do faraón, que o adoptou coma seu fillo. Púxolle por nome Moisés, dicindo: —"Das augas o saquei".


Moisés mata un exipcio e foxe a Madián

11 Cando Moisés era xa grande, foi un día visitar a seus irmáns, e atopounos coas súas cargas. Viu tamén que un home exipcio batía nun hebreo de entre seus irmáns.

12 Mirou para un lado e para o outro, e certificando que non había ninguén, matou ó exipcio e enterrouno na area.

13 Saíu ó día seguinte e viu dous hebreos pelexando. Díxolle ó agresor: —"Por que bates no teu compañeiro?"

14 Respondeulle el: —"Quen te puxo de xefe ou de xuíz entre nós? Ou pensas matarme, como mataches o exipcio?" Moisés colleu medo, pensando: —"A cousa xa se soubo".

15 A nova chegou ó faraón, que mandou buscar a Moisés para matalo. Pero Moisés fuxiu do faraón e foise refuxiar en Madián. Sentado á beira dun pozo,

16 chegaron sete fillas que tiña o sacerdote de Madián, para sacaren auga e con ela encher os píos e abeberar o rabaño de seu pai.

17 Viñeron os pastores e botáronas de alí. Pero Moisés saíu na defensa delas e abeberoulles os rabaños.

18 En volvendo elas onda seu pai Reuel, este preguntoulles: —"Como é que vides tan cedo hoxe?"

19 Respondéronlle elas: —"Un home exipcio librounos dos pastores, sacounos a auga do pozo e abeberou o noso rabaño".

20 El preguntoulles: —"E onde está? Como deixastes que se fose? Chamádeo para comer".

21 Moisés aceptou habitar con Reuel, e este deulle por muller a súa filla Séfora.

22 Esta deulle a luz un fillo, ó que lle puxo o nome de Guerxom, pensando: —"Son forasteiro en terra allea".

23 Pasado moito tempo, morreu o rei de Exipto. Os israelitas queixábanse e berraban na súa servidume, e os seus xemidos subiron onda Deus.

24 Deus escoitou o seu pranto, lembrou o seu pacto con Abraham, con Isaac e con Xacob,

25 fixouse nos israelitas, recoñeceu os seus sufrimentos.

Lean sinn:



Sanasan