Éxodo 18 - Biblia SEPTMoisés co seu sogro Ietró 1 Ietró, sacerdote de Madián, sogro de Moisés, soubo o que Deus fixera con Moisés e co seu pobo Israel, ó sacalos de Exipto. 2 Ietró recollera a Séfora, muller de Moisés, cando este se despedira, 3 e tamén ós seus dous fillos, un chamado Guerxom, por aquilo de que "Forasteiro fun en terra allea", 4 e outro de nome Eliézer, que quere dicir: "O Deus de meu pai é quen me axuda e quen me librou da espada do faraón". 5 Ietró, sogro de Moisés, foi cos fillos e coa muller ó encontro do seu xenro, no deserto, onde acampaba Moisés na montaña de Deus. 6 Mandoulle dicir a Moisés: —"Eu son o teu sogro Ietró, que te veño ver coa túa muller e cos teus fillos". 7 Moisés saíu ó encontro do seu sogro; inclinouse e bicouno; saudáronse e entraron na tenda. 8 Moisés contoulle ó seu sogro o que Deus fixera co faraón e cos exipcios por mor de Israel, e as coitas que tiveran na viaxe e como o Señor os librara delas. 9 Ietró alegrouse de todo o ben que o Señor fixera a Israel, librándoo da man dos exipcios. 10 E dixo: —"Bendito sexa o Señor que vos librou do poder dos exipcios e da man do faraón e que salvou o pobo do xugo de Exipto. 11 Agora sei que o Señor é máis ca todos os deuses, pois así o mostrou cando eles se erguían contra vós". 12 Despois Ietró, sogro de Moisés, ofreceu a Deus sacrificios e holocaustos. Aharón e todos os anciáns de Israel viñeron e comeron con el na presenza de Deus. Institución dos xuíces 13 O día seguinte sentouse Moisés para xulgar as contendas do pobo. A xente acudía onda Moisés desde a mañá á noite. 14 O ver Ietró o que o seu xenro facía polo pobo, preguntoulle: —"Por que fas así coa xente? Por que te sentas ti só a xulgar, coa xente toda ó redor, da mañá á noite?" 15 Moisés respondeulle a seu sogro: —"A xente vén onda min para consultar a Deus. 16 Cando teñen un preito, acoden onda min, para que eu decida e lles ensine os mandamentos e as leis de Deus". 17 O sogro aconselloulle: —"Non está ben o que fas. 18 Dese xeito esgotarédesvos, ti e mais o pobo que vai contigo. A tarefa reborda das túas forzas, e non poderás cumprila só. 19 Agora faime caso. Eu dareiche un consello, e que Deus estea contigo. Ti representarás ó pobo diante Deus, levando á súa presenza os seus preitos. 20 E ó pobo recoméndalle os mandamentos e as leis, ensínalle o camiño que han seguir e as cousas que han facer. 21 Procura no medio do pobo homes de valer e que teñan temor de Deus, homes firmes, inimigos da cobiza, e ponos á fronte do pobo, como xefes de mil, de cen, de cincuenta e de dez. 22 Eles xulgarán ó pobo a calquera hora. Que che leven a ti os preitos graves, e que resolvan eles os pequenos. A tarefa será máis livián para ti, se eles levan contigo o peso. 23 Se fas como che digo, poderás aturar ese traballo que Deus che ordenou, e todo este pobo chegará con ben ó seu destino". 24 Moisés escoitou as palabras do seu sogro, e fixo o que lle aconsellaba. 25 Elixiu de entre todo Israel homes de valer e púxoos á cabeza do pobo, coma xefes de mil, de cen, de cincuenta e de dez. 26 Administraban xustiza a calquera hora. Os preitos graves levábanllos a Moisés e os pequenos xulgábanos eles. 27 Moisés despediuse do seu sogro, e este volveu para a súa terra. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)