Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 17 - Biblia SEPT


A auga do penedo

1 A asemblea dos israelitas, seguindo as ordes do Señor, saíu do deserto de Sin e, por xeiras, chegou a Refidim, onde acampou. O pobo non atopou alí auga que beber,

2 e rifaba con Moisés, esixindo: —"Dános auga para beber". El respondíalles: —"Por que rifades comigo e tentades o Señor?"

3 Pero o pobo, sedento, seguía queixándose por auga a Moisés: —"Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, ós nosos fillos e á nosa habenza?"

4 Moisés clamou entón cara ó Señor: —"Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme".

5 O Señor respondeulle: —"Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel, leva na man a vara coa que batiches o Nilo, e camiña.

6 Eu presentareime diante túa alá no Horeb, onda o penedo. Ti baterás o penedo, e sairá auga del para que o pobo beba". Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel.

7 Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israelitas contenderon co Señor e puxérono á proba, preguntando: —"Está o Señor connosco ou non?".


Guerra cos amalecitas

8 Viñeron os amalecitas e atacaron a Israel en Refidim.

9 Moisés díxolle a Xosué: —"Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".

10 Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían ó cume do outeiro.

11 Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec.

12 As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento, ó tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas. As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.

13 Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada.

14 O Señor díxolle a Moisés: —"Escribe isto nun libro de memorias, e dille a Xosué que eu borrarei o recordo de Amalec de debaixo do sol".

15 Moisés construíu un altar ó Señor, e chamoulle Señor, miña — bandeira,

16 neste sentido: —"Xa que a súa man se levantou contra o trono do Señor, o Señor está en guerra con Amalec de xeración en xeración".

Lean sinn:



Sanasan