Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 16 - Biblia SEPT


Os paspallás e o maná

1 A asemblea dos israelitas saíu de Elim e chegou ó deserto de Sin, entre Elim e o Sinaí, o día quince do mes seguinte á saída de Exipto.

2 Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón.

3 Dicían: —"Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".

4 O Señor díxolle a Moisés: —"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei.

5 O día sexto prepararán todo o que collan, que será o dobre do recollido os outros días".

6 Moisés e Aharón dixéronlles ós israelitas: —"Esta noite saberedes que quen vos sacou de Exipto é o Señor.

7 Pola mañá veredes a gloria do Señor, que escoitou as vosas murmuracións contra El. Porque que somos nós, para que murmuredes contra nós?"

8 E Moisés díxolles aínda: —"Esta noite daravos o Señor carne que comer e pola mañá pan a fartar, pois escoitou as vosas murmuracións contra El. Porque que somos nós? Non murmurastes contra nós, senón contra o Señor".

9 Moisés mandou a Aharón que lle dixese á asemblea dos israelitas: —"Achegádevos ó Señor, que escoitou as vosas murmuracións".

10 Mentres Aharón falaba coa asemblea dos israelitas, volveron os ollos cara ó deserto, e viron a gloria do Señor mostrarse na nube.

11 O Señor díxolle a Moisés:

12 —"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

13 O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo.

14 Cando esvaeceu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan.

15 Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: —"Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo.

16 Respondeulles Moisés: —"Este é o pan que o Señor vos dá para comer. A orde do Señor é a seguinte: que cada un colla o que ha comer: un ómer por cabeza, conforme o número de persoas; que cada un recolla para todos os que hai na súa tenda".

17 Os israelitas fixérono así. Uns colleron máis e outros menos.

18 Ó medir o maná co ómer, nin ó que collera máis lle sobraba, nin ó que collera menos lle faltaba, porque cada un collera o preciso para comer.

19 Díxolles Moisés: —"Que ninguén garde maná para mañá".

20 Algúns non fixeron caso de Moisés e gardaron para o día seguinte. Pero encheuse de vermes e podreceu. Moisés enfadouse con eles.

21 Cada un collía o que lle cumpría pola mañá, pois cando o sol quentaba, derretía.

22 O día sexto recollían ración dobre, dous ómer por persoa. Os anciáns da asemblea viñéronllo dicir a Moisés.

23 Moisés respondeulles: —"Iso é o que tiña dito o Señor. Mañá é día de lecer, dedicado ó Señor. Cocede hoxe o que teñades que cocer, guisade o que teñades para guisar, e todo o que vos sobre, gardádeo para mañá".

24 Eles gardárono para o día seguinte, conforme dispuxera Moisés, e non podreceu nin colleu vermes.

25 Díxolles Moisés: —"Comédeo hoxe, que é sábado, dedicado ó Señor. Hoxe non o atoparedes fóra.

26 Poderédelo coller seis días na semana; pero o día sétimo, sábado, non o atoparedes".

27 Algúns saíron a recoller no día sétimo, pero non encontraron nada.

28 O Señor díxolle a Moisés: —"Ata cando vos negaredes a gardar os meus preceptos e as miñas leis?

29 Vedes que o Señor vos deu o sábado. Por iso vos manda o pan de dous días no día sexto. Que cada un quede na súa casa e que ninguén saia do seu sitio o día sétimo".

30 E o pobo descansou o día sétimo.

31 Os israelitas chamáronlle maná a aquel pan. Era branco, coma semente de coriandro, e sabía a pan con mel.

32 Díxolles Moisés: —"Isto manda o Señor: enchede un ómer de maná e conservádeo, para que as xeracións vindeiras poidan ver o pan que eu vos dei no deserto para comer, cando vos saquei de Exipto".

33 E Moisés díxolle a Aharón: —"Colle unha tina, mete nela un ómer de maná e pona diante do Señor, como mostra que se garda para as vindeiras xeracións".

34 Aharón, seguindo o mandado do Señor a Moisés, puxo a talla de maná diante do Testemuño.

35 Os israelitas comeron o maná por corenta anos, ata chegaren a terra de cultivo. Mantivéronse con el, ata entraren na fronteira do país de Canaán.

36 O ómer é a décima parte dun efah.

Lean sinn:



Sanasan