Éxodo 15 - Biblia SEPTCanto de grazas dos salvados 1 Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor: —"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria, cabalo e cabaleiro alagou no mar. 2 O Señor é a miña forza, a razón do meu canto, El é a miña salvación. El é o meu Deus, e loareino, o Deus de meu pai, e enxalzareino. 3 O Señor é un guerreiro. O seu nome é Iavé. 4 Alagou no mar ó faraón cos seus exércitos, a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio. 5 Os abismos cubríronos, baixaron ó fondo coma pedras. 6 A túa destra, Señor, distínguese pola forza, a túa destra, Señor, tronza ós inimigos. 7 Coa túa aterradora maxestade crebas os teus contrarios, cando soltas o teu noxo, consómeos coma palla. 8 Co soprido do teu furor amoréanse as augas, érguense en diques as correntes, callan as augas do mar. 9 Os inimigos dicían: Perseguirei, atraparei, repartirei botín, ata fartar a cobiza; sacarei a miña espada, despoxarei coa miña man. 10 Pero botaches ti un sopro, e cubriunos o mar, afundíronse coma chumbo nas augas embravecidas. 11 Quen hai coma ti, Señor, entre os deuses, quen coma ti, excelso en santidade, terrible polas túas obras, facedor de milagres? 12 Soamente tendiches a destra, e enguliunos a terra. 13 Ti guiaches con amor o pobo rescatado, coa túa forza leváchelo onda a túa sagrada morada. 14 Oírono os pobos e tremeron, un terror coma de parto agarrou nos filisteos. 15 Arrepiaban os grandes de Edom, tremían os xefes de Moab, derretíase toda a poboación de Canaán. 16 Caeu enriba deles un medo tremente, o poder do teu brazo deixounos coma de pedra, namentres pasaba o teu pobo, Señor, namentres pasaba o pobo que adquiriches. 17 Ti leváchelo e plantáchelo na túa propiedade, no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada, no santuario que ti fundaches coas túas mans. 18 O Señor reinará por sempre. 19 A cabalería do faraón, os seus carros e os seus cabaleiros, entraron polo mar, e entón botou o Señor as augas do mar por riba deles. 20 Pero os israelitas pasaron polo medio do mar a pé enxoito". 21 A profetisa Miriam, irmá de Aharón, botou man do pandeiro, e todas as mulleres saíron con pandeiros detrás dela, bailando. Miriam cantaba diante: —"Cantade ó Señor, que se cubriu de gloria, cabalo e cabaleiro alagou no mar". Onda a fonte de Marah 22 Moisés fixo marchar ós israelitas de onda o mar Rubio, e colleron a dirección do deserto do Sur. Camiñaron tres días polo deserto, sen atoparen auga. 23 Chegaron a Marah. Pero non puideron beber daquela auga, polo seu amargor. Por iso lle puxeron a aquel lugar o nome de Marah. 24 O pobo murmuraba contra Moisés e preguntaba: —"Que imos beber?" 25 Moisés clamou cara ó Señor, e o Señor mostroulle un madeiro que había botar na auga. A auga volveuse doce. Alí deulles leis e normas, e púxoos á proba. 26 Díxolles: —"Se obedecedes ó Señor, o voso Deus, se facedes o que é debido, se cumprides os seus mandamentos e gardades as súas leis, non botarei sobre vós as pragas que botei sobre os exipcios, pois eu son o Señor que cura". 27 Chegaron a Elim, onde había doce fontes e setenta palmeiras. E acamparon alí, preto da auga. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)