Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Éxodo 14 - Biblia SEPT


O paso do Mar Rubio

1 O Señor díxolle a Moisés:

2 —"Dilles ós israelitas que fagan un rodeo e que acampen diante de Pi-hahirot, entre Migdal e o mar, enfronte de Baalsefón, e que poñan as tendas cara ó mar.

3 O faraón pensará: Os israelitas andan perdidos no país; o deserto péchalles o paso.

4 Eu endurecerei o corazón do faraón, de xeito que se botará a perseguirvos, e eu mostrarei a miña gloria á conta súa e dos seus exércitos. Entón saberán os exipcios que eu son Iavé". Os israelitas fixeron o mandado.

5 Dixéronlle ó rei de Exipto que o pobo fuxira. O corazón do faraón e o dos seus ministros volvéronse contra el, e dicían: —"Que fixemos, deixando saír do noso servizo a Israel?"

6 O faraón mandou que enganchasen o seu carro, e mobilizou o seu exército.

7 Tomou seiscentos carros escolleitos e logo os outros carros de Exipto con todos os xefes do exército.

8 O Señor endureceu o corazón do faraón, rei de Exipto, para que perseguise ós israelitas, que saían co brazo ergueito.

9 Os exipcios perseguíronos e atrapáronos, acampados onda o mar. A cabalería, os carros, os cabaleiros e o exército enteiro do faraón chegaron a Pi-hahirot, diante de Baalsefón.

10 Cando o faraón se aproximaba, ergueron os israelitas a súa vista e viron ós exipcios que corrían tras deles. E, cheos de medo, clamaron cara ó Señor.

11 Dixéronlle a Moisés: —"Seica non había sepulturas en Exipto, para que nos fixeses vir morrer no deserto? Que ben nos fixeches con sacáresnos de Exipto?

12 Non che diciamos xa alí: Déixanos, que nós serviremos ós exipcios? Mellor nos era servilos que vir morrer no deserto".

13 Moisés respondeulles: —"Non teñades medo. Mantédevos enteiros e veredes a salvación que vos concederá hoxe o Señor. Os exipcios que hoxe vedes, non os veredes nunca máis.

14 O Señor loitará por vós. Vós agardade calados".

15 O Señor díxolle a Moisés: —"Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas que se poñan en marcha.

16 Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito.

17 Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros.

18 O mostrar a miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son Iavé".

19 O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube.

20 Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns ós outros.

21 Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas.

22 Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda.

23 Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.

24 Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión.

25 Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: —"Fuxamos dos israelitas, pois Iavé loita por eles contra nós".

26 O Señor díxolle a Moisés: —"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros".

27 Moisés alongou a man cara ó mar e, contra a mañá, este volveu ó seu sitio.

28 Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.

29 Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda.

30 Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos.

31 Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo Moisés.

Lean sinn:



Sanasan