Éxodo 13 - Biblia SEPTA lei dos Ácimos e a lei dos Primoxénitos 1 O Señor díxolle a Moisés: 2 —"Conságrame todo primoxénito. Todo primeiro nacido que bote o ventre, tanto se é dos homes coma dos animais, perténceme a min". 3 Moisés díxolle ó pobo: —"Lembrade este día en que saístes de Exipto, da casa da servidume, cando con man rexa vos sacou de alí o Señor. Non comades pan lévedo nese día. 4 Saídes hoxe, no mes de abib. 5 Cando o Señor vos introduza na terra dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos hivitas e dos iebuseos, conforme o xuramento que fixo a vosos pais, unha terra que deita leite e mel, no mes de abib celebraredes esta festa. 6 Sete días seguidos comeredes pans ácimos; o día sétimo será a festa do Señor. 7 Comeredes pans ácimos durante os sete días, e que na túa casa non se vexa pan fermentado nin no teu territorio pan lévedo ningún. 8 Nese día explicaraslle ó teu fillo: Isto é polo que o Señor fixo por min, cando saín de Exipto. 9 Será coma un sinal que pos no teu brazo e coma unha lembranza diante dos teus ollos; levarás nos teus labios a lei do Señor, que te sacou de Exipto con man forte. 10 Observa este rito de ano en ano, no seu día. 11 Cando o Señor te dea introducido na terra dos cananeos, conforme vos xurou a ti e a teus pais, e cha dea en posesión, 12 consagrarás ó Señor todos os primoxénitos. As primeiras crías dos teus gandos, se son machos, perténcenlle ó Señor. 13 A primeira cría dun asno poderala rescatar cunha ovella; se non a rescatas, tela que desnocar. Os teus fillos primoxénitos telos que rescatar. 14 Cando mañá o teu fillo che pregunte: Que significa isto?, ti diraslle: O Señor sacounos con man forte de Exipto, da casa da servidume. 15 O faraón teimaba en non deixarnos saír, e entón o Señor matou a todos os primoxénitos de Exipto, os dos homes e os do gando. Por iso nós sacrificamos para o Señor as primeiras crías do gando que son machos, e rescatamos os fillos primoxénitos. 16 Será coma un sinal que pos no teu brazo e coma unha lembranza diante dos teus ollos: o Señor sacoute de Exipto con man forte". A primeira xeira do camiño 17 Unha vez que o faraón deixou saír o pobo, Deus non o conduciu polo camiño que leva a Filistea, que é máis curto, pois preveu: "—Non sexa que, ó vérense en guerra, se arrepintan e dean volta para Exipto". 18 Deus fíxolles dar polo deserto un rodeo, na dirección do Mar Rubio. Os israelitas saíran de Exipto ben armados. 19 Moisés levaba consigo os ósos de Xosé, pois este fixéralles xurar ós israelitas: —"Deus visitaravos certamente, e entón levaredes de aquí os meus ósos convosco". 20 Saíron de Succot e acamparon en Etam, á beira do deserto. 21 O Señor camiñaba diante deles, polo día nunha columna de nube para os guiar, pola noite nunha columna de lume para os alumear. Dese xeito camiñaban de día e de noite. 22 Nin a columna de nube se afastaba do pobo polo día nin a de lume pola noite. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)