Éxodo 1 - Biblia SEPTOs fillos de Xacob 1 Estes son os nomes dos israelitas que foron a Exipto con Xacob, cada un coa súa familia: 2 Rubén, Simeón, Leví, Xudá, 3 Isacar, Zebulón, Benxamín, 4 Dan, Naftalí, Gad e Axer. 5 As persoas que descendían directamente do sangue de Xacob eran setenta. Xosé xa estaba en Exipto. 6 Morto Xosé e seus irmáns e toda aquela xeración, 7 os israelitas medraron, propagáronse, creceron, fixéronse moi fortes, enchían o país. Opresión dos hebreos en Exipto 8 Subiu ó trono de Exipto un rei novo, que non coñecera a Xosé, 9 e díxolle ó seu pobo: —"Mirade que o pobo dos israelitas é máis forte ca nós. 10 Imos tratalo con astucia, non sexa que, se se declara unha guerra, se axunte cos nosos inimigos, pelexe contra nós e logo saia do país". 11 Asignáronlles, pois, capataces, co fin de oprimilos con traballos, cando construían as cidades-graneiros de Pitom e de Ramsés. 12 Pero, canto máis os oprimían, máis se multiplicaban eles e máis se propagaban. 13 Os exipcios asoballáronos con fera opresión, 14 Amarguexáronlles a vida co duro labor do barro, dos ladrillos, coa labranza da terra, e con toda sorte de traballos, impostos con brutalidade. 15 Por parte, o rei de Exipto deu esta orde ás parteiras das hebreas, chamadas unha Xéfora e outra Púah: 16 —"Cando asistades ós partos das hebreas, fixádevos no sexo: se nace varón, matádeo; se nace femia, que viva". 17 Mais as parteiras mostráronse temerosas de Deus, e non fixeron caso do que lles mandara o rei de Exipto. Deixaban os nenos con vida. 18 El fíxoas chamar, para dicirlles: —"Por que facedes iso de deixar nenos con vida?" 19 Respondéronlle elas: —"As mulleres hebreas non son coma as exipcias. Son fortes e paren primeiro de que chegue onda elas a parteira". 20 Deus premiou ás parteiras. O pobo medraba e facíase moi forte. 21 Por temeren a Deus, tamén as parteiras viron crecer a casa delas. 22 Entón ordenou o faraón ó seu pobo: "Todo neno que naza, botarédelo ó río; ás nenas deixádeas que vivan". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)