Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Esdras 9 - Biblia SEPT


Pregaria humilde de Esdras

1 Rematado todo isto, viñeron onda min os xefes, dicíndome: —"O pobo de Israel, os sacerdotes e os levitas non viven afastados das xentes do país. Conformes coas súas abominacións —as dos cananeos, hititas, perizitas, iebuseos, amonitas, exipcios e amorreos—,

2 tanto eles coma os fillos casaron coas súas fillas, e a raza santa mesturouse cos pobos pagáns. Os xefes e os notables foron os primeiros en lixar as mans con esa infamia de infidelidade".

3 Cando souben iso, rachei o meu vestido e o meu manto, rapei a cabeza e a barba, e senteime desolado.

4 Todos cantos tremían ante as palabras divinas xuntáronse comigo ó coñeceren tal desacato dos deportados. Eu seguín sentado ata a ofrenda da tarde.

5 A esa hora dei remate á miña prostración e co vestido e manto rachados, axeonlleime e levantei as mans ó Señor, meu Deus,

6 dicíndolle: —"Meu Deus, avergóñome e non me atrevo a levantar a ti o rostro, porque os nosos pecados exceden a nosa cabeza e chega ata o ceo a nosa culpa.

7 Desde os tempos de nosos pais ata hoxe fixémonos reos de grandes ofensas; e polos nosos delitos, tanto nós coma os nosos reis e sacerdotes, fomos entregados ós reis estranxeiros, á espada, ó exilio, ó saqueo, á ignominia, que é, ó presente, a nosa triste situación.

8 Mais agora, Señor, noso Deus, concedíchesnos un momento de respiro, deixándonos un resto e un sitio no teu lugar santo. Deste xeito, o noso Deus iluminou os nosos ollos e deunos un pouco de vida na nosa escravitude.

9 Pois somos escravos, mais o noso Deus non nos abandonou na nosa servidume. Granxeounos o favor dos reis de Persia, verteu sobre nós a súa fidelidade co fin de darnos a vida para poder reconstruír o templo do noso Deus, recompoñendo as súas ruínas e dándonos un muro en Xudea e Xerusalén.

10 E agora, Deus noso, que podemos dicir despois de todo isto? Abandonamos os teus mandamentos,

11 os que nos deches por medio dos teus servos os profetas, dicindo: A terra na que ides entrar para posuíla é unha terra inmunda, lixada polas xentes do país e polas abominacións que a enchen dun cabo ó outro coas súas miserias.

12 Por conseguinte, non lles deades as vosas fillas ós seus fillos, nin tomedes as súas fillas por mulleres dos vosos fillos. Endexamais busquedes a súa alianza nin o seu favor, para que deste xeito vos fortalezades e poidades comer dos bens do país e deixárllelos en posesión ós vosos fillos para sempre.

13 Despois de todo canto nos aconteceu polas nosas malas accións e pola nosa gran culpabilidade —aínda que ti, Deus noso, non te fixaches moito nos nosos delitos e deixáchesnos saír con vida—,

14 violaremos de novo os teus preceptos, emparentando con estes pobos abominables? Non te anoxarías contra nós ata aniquilarnos sen deixar nin un sobrevivente?

15 Señor, Deus de Israel, este resto que hoxe segue vivo demostra que ti es xusto. Aquí estamos diante de ti coma reos, pois non podemos xustificarnos na túa presenza despois de canto nos ocorreu".

Lean sinn:



Sanasan