Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Esdras 7 - Biblia SEPT


O escriba Esdras

1 Despois destes acontecementos, baixo o reinado do rei de Persia Artaxerxes, Esdras, fillo de Seraías, fillo de Azarías, fillo de Hilquías,

2 fillo de Xalum, fillo de Sadoc, fillo de Ahitub,

3 fillo de Amarías, fillo de Azarías, fillo de Meracot,

4 fillo de Zerahías, fillo de Uzí, fillo de Buquí,

5 fillo de Abixúa, fillo de Pinhás, fillo de Elazar, fillo de Aharón o sumo sacerdote —

6 este Esdras— subiu de Babilonia. Tratábase dun escriba experto na Lei de Moisés, dada polo Señor, Deus de Israel. O rei deulle todo canto tiña pedido, pois a man do Señor o seu Deus estaba con el.

7 Entre os fillos de Israel e os sacerdotes, os levitas, os cantores, os porteiros e os servos, algúns subiron a Xerusalén, no sétimo ano do rei Artaxerxes;

8 chegou, pois, a Xerusalén o quinto mes; era o sétimo ano do rei.

9 En efecto, o primeiro día do quinto mes chegou a Xerusalén, pois a boa man de Deus estaba sobre el.

10 Esdras, en efecto, entregárase de cheo a buscar a Lei do Señor, a poñela en práctica e a ensinar a Israel os mandamentos e costumes.


Carta de Artaxerxes

11 Velaquí a copia da acta oficial que o rei Artaxerxes entregou a Esdras, o sacerdote escriba, escribán das palabras ordenadas polo Señor e das súas leis a Israel:

12 —"Artaxerxes, rei de reis, a Esdras, sacerdote e escriba da Lei do Deus dos ceos, saúde, etc.

13 Velaquí a miña orde: Todo aquel do pobo de Israel que vive no meu reino, sexa sacerdote ou levita, e quere ir canda ti a Xerusalén, pode facelo libremente.

14 Pois ti es o enviado polo rei e polos seus sete conselleiros, para observares como se practica en Xudá e Xerusalén a Lei de Deus, esa lei que ti tes na man;

15 tamén para levares a prata e o ouro das ofrendas voluntarias do rei e dos seus conselleiros ó Deus de Israel, o que ten o templo en Xerusalén,

16 e canta prata e ouro poidas xuntar en toda a provincia de Babilonia coas ofrendas voluntarias que o pobo e os sacerdotes aporten para a casa do seu Deus en Xerusalén.

17 Así pois, con eses cartos coidaraste de mercar touros, carneiros, años e canto faga falta para as súas ofrendas e libacións; presentaralas sobre o altar da casa do voso Deus en Xerusalén.

18 E o que conveña facer, segundo o teu parecer e o dos teus irmáns, co resto da prata e do ouro, farédelo de acordo coa vontade do voso Deus.

19 Os obxectos que che serán dados para o servizo da casa do Señor, deposítaos diante do Deus de Xerusalén.

20 O resto do que fai falta para a casa do teu Deus e que te incumbe asegurar, incluiralo na conta da tesourería do rei.

21 Eu, o rei Artexerxes, eu dou a orde a todos os tesoureiros de Transeufratina para que fagan exactamente todo canto vos pida o sacerdote Esdras, escriba da Lei do Deus de Israel,

22 Ata a cantidade de cen talentos de prata, cen cargas de trigo, cen pipas de viño e cen de aceite, e canto sal queira.

23 Fágase puntualmente canto ordene o Deus dos ceos referente ó seu templo, co fin de que a súa cólera non se excite contra o imperio do rei e contra os seus fillos.

24 Facémosvos saber, ademais, que todos os sacerdotes, levitas, cantores, porteiros e servos e servidores de Deus, quedan eximidos de pagar impostos ou dereito de peaxe.

25 En canto a ti, Esdras, coa sabedoría do teu Deus, que é o que te dirixe, nomea xuíces, maxistrados que fagan xustiza a todo o pobo de Transeufratina, a todos cantos coñecen as leis do teu Deus —e farédesllelas coñecer ós que as ignoran.

26 A quen non cumpra a Lei do teu Deus e a lei do rei con exactitude, aplicaráselle a sentencia: ou de morte, ou de desterro, ou pagar unha multa, ou o cárcere".

27 Loado sexa o Señor, o Deus dos nosos pais que puxo no corazón do rei a vontade de honrar deste xeito a casa do Señor, en Xerusalén.

28 E granxeoume, o mesmo, o seu favor e o dos seus conselleiros e máis altos ministros. Cheo, polo tanto, de seguridade, —pois a man do Señor meu Deus estaba sobre min—, xuntei algúns xefes de Israel para que saísen canda min.

Lean sinn:



Sanasan