Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Esdras 6 - Biblia SEPT

1 Entón o rei Darío deu a orde de facer investigacións nos arquivos da tesourería, depositados aló en Babilonia;

2 e, na fortaleza de Ecbátana da provincia de Media, deuse cun rolo no que estaba escrito: —"Memorando.

3 O primeiro ano do seu reinado, Ciro deu unha orde referente ó templo de Xerusalén: A casa de Deus será reconstruída alí onde se ofrecen sacrificios e onde se encontran os fundamentos; a súa altura será de sesenta cóbados.

4 Haberá alí tres ringleiras de pedras talladas e unha ringleira de madeira nova e a casa do rei cubrirá os gastos.

5 Ademais, devolveranse os obxectos do templo de Deus, en ouro e prata, os que Nabucodonosor levara do templo de Xerusalén a Babilonia; cada un deles irá ó seu lugar no templo de Xerusalén. Depositaralos ti na casa de Deus".

6 —"Polo tanto, ti, Taznai, gobernador de Transeufratina, Xetar—Boznai e mais os seus colegas, xentes de Arfaxac de Transeufratina, non vos ocupedes diso.

7 Deixádelles facer o traballo de levantar a casa de Deus ó gobernador dos xudeus cos seus anciáns, sobre os seus cimentos.

8 Estas son as miñas ordes relativas ó que tedes que facer con eses anciáns dos xudeus que constrúen esa casa de Deus: levántana a expensas dos bens do rei, mediante os impostos de Transeufratina. Débeselles, pois, asegurar a paga a eses homes sen interrupción.

9 Canto sexa necesario —tenreiros, carneiros, años para os holocaustos do Deus dos ceos; trigo, sal, viño e aceite, segundo as indicacións dos sacerdotes de Xerusalén— entregaráselles día a día, sen falta,

10 para que poidan levar ofrendas ó Deus do ceo e aplacalo, e pidan pola vida do rei e dos seus fillos.

11 Velaquí as miñas ordes concernentes ó que non cumpra este edicto: arrínqueselle unha viga da súa casa e que o empalen todo dereito enriba; e convertan, ademais, a súa casa nun montón de entullos.

12 E aínda máis: que o Deus, o do nome que reside alí, aniquile todo rei e todo pobo que, en contra desta orde queira destruír ese templo do Deus en Xerusalén. Eu, Darío, eu mesmo, dei a orde; que se cumpra así exactamente".

13 Entón o gobernador de Transeufratina, Taznai, Xetar—Boznai e os seus colegas fixeron exactamente segundo a orde do rei Darío.

14 Os anciáns dos xudeus seguiron coa obra sen dificultade, de acordo coa profecía de Axeo e de Zacarías, fillo de Idó, ata rematar o traballo, segundo a orde do Deus de Israel e a orde de Ciro, de Darío e de Artaxerxes, rei de Persia.

15 Terminouse este templo o terceiro día do mes de Adar, o ano sexto do reinado de Darío.

16 Os israelitas —sacerdotes, levitas e o resto dos deportados— celebraron cheos de xúbilo a dedicación do templo de Deus.

17 Ofreceron con este fin cen touros, douscentos carneiros, catrocentos años, e polos pecados de todo o pobo, doce machos cabrúns, un por cada tribo.

18 Os sacerdotes, por grupos, e os levitas por clases estableceron o culto do templo de Xerusalén, de acordo coas prescricións do libro de Moisés.


A Pascua

19 Os deportados celebraron a Pascua o día catorce do primeiro mes;

20 dado que os sacerdotes xunto cos levitas se purificaran, todos estaban puros. Entón inmolaron a Pascua para todos os deportados, para os seus irmáns sacerdotes e para eles mesmos.

21 Desta maneira os israelitas, chegados da deportación, comeron con todos os que, despois deles, romperan coa impureza dos pobos pagáns, con miras a buscar o Señor, o Deus de Israel.

22 Celebraron con ledicia a festa dos pans ázimos, durante sete días, pois o Señor enchéraos de xúbilo, cambiando o corazón do rei de Asiria respecto deles, co fin de que afianzaran as súas mans na tarefa da casa de Deus, do Deus de Israel.

Lean sinn:



Sanasan